Ana Pontón quere estender a todas as cidades o modelo de loita contra o cambio climático de Pontevedra

Pontevedra
Pontevedra

“É a única urbe galega que cumpre cos requisitos da Lei 7/21 de Cambio climático e transición enerxética”

Destaca as políticas transformadoras do BNG nos concellos nos que goberna, que melloran a vida da xente

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu esta mañá a unha reunión do traballo co equipo de Goberno de Pontevedra, liderado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Como resultado das políticas postas en marcha polo Goberno local do BNG “Pontevedra vai moi por diante do resto das cidades do Estado na recuperación do espazo público para a xente, na mellora da calidade de vida e na loita contra o cambio climático porque hai 20 anos que desenvolve un modelo que pon no centro ás persoas”, declarou.

A cidade é na actualidade a única urbe galega que conta con boa calidade no aire os 365 días do ano segundo os criterios da OMS, consegue que o 90% dos desprazamentos urbanos sexan mediante mobilidade activa -peonil ou ciclista-, e non rexistrou ningunha vítima vial por violencia viaria dende hai máis dunha década.

Ana Pontón
Ana Pontón

Este non é o resultado das demais cidades, que levou á Unión Europea a expedientar ao Estado español e que obriga agora a través da Lei 7/21 de Cambio climático e transición enerxética a que 149 cidades de máis de 50.000 habitantes establezan zonas Zonas de Baixas Emisións (ZBE) antes de 2023. “Ningunha das outras cidades galegas cumpre coa lei”, afirmou Pontón. A líder do BNG tamén puxo obxeccións á proposta do Goberno Central, pois está pensado para grandes urbes “pero non para a realidade social do noso País”. Un modelo que obriga á veciñanza a pagar por circular nas ZBE ou a investir nun vehículo novo, o que implica que se introduza unha discriminación dende o punto de vista económico.

“Por contra, no BNG non estamos de acordo con accións discriminatorias por iso e defendemos que o modelo posto en marcha en Pontevedra se pode estender ao resto das cidades”, engadiu.

A líder do Bloque amosou a súa intención de encarar as vindeiras eleccións municipais cunha serie de propostas transformadoras como a garantía ao espazo público de maneira igualitaria, sen discriminación de idade, xénero ou poder adquisitivo; priorizando as persoas por diante dos vehículos; diminuíndo o CO2, a contaminación e o ruído das cidades; ou impulsando o transporte público.

A portavoz nacional mostrou o seu entusiasmo pola decisión de Lores de volver ser candidato á alcaldía de Pontevedra. “É realmente ilusionante comprobar como Lores ten máis e mellores ideas ca nunca para continuar avanzando nunha Pontevedra cada vez máis dinámica, con máis calidade de vida para as persoas que a habitan e máis respectuosa co medio ambiente”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG