O BNG propón unha fronte común do Parlamento galego para reclamar do Estado que financie Punta Langosteira sen hipotecar o futuro da Coruña impoñendo, coa complicidade do presidente da Xunta, un protocolo que obriga a vender os terreos do Porto coruñés para pagar unha infraestrutura estatal.
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que esta iniciativa será defendida na próxima sesión plenaria e incluirá tamén a demanda de devolución á Coruña dos terreos portuarios no minuto cero da súa desafectación, “sen coste algún nin para a cidade, lexitima propietaria, nin para este país”. “Propoñemos un acordo de todos os grupos políticos para defender os intereses da Coruña por riba de partidismos estériles, porque é un debate transcendental para a cidade e para Galiza”, resaltou Pontón.
Nunha comparecencia coa portavoz municipal, Avía Veira, a dirixente do Bloque deixou claro que non se pode aceptar un protocolo que supón unha chantaxe e unha nova discriminación con este país, ao que se lle “racanean” investimentos mentres outros territorios reciben fondos millonarios.
“Detrás deste protocolo hai unha nova discriminación do Estado coa Coruña e con Galiza, porque pretende financiar o porto exterior a costa de vender terreos da cidade, cando se trata dunha infraestrutura decidida polo Estado xa no Plan Galiza tras o Prestige e, polo tanto, debe se financiada cos orzamentos estatais como se fixo noutros territorios”, alega Pontón, tras salientar a “barra libre” que teñen outras comunidades.
“Houbo 786 M€ para o porto de Xixón, 978 para o de Valencia, 1.300 en Barcelona e máis de 2.000 M€ en Bilbao, pero aquí o Estado case non puxo un euro porque o investido corresponde a fondos estruturais europeos que xa lle correspondían a Galiza, e o resto pretende que se pague hipotecando á cidade da Coruña”, citou a dirixente do Bloque, que tamén citou como último exemplo os 3.000M€ que o Estado pon enriba da mesa para o rescate das radiais madrileñas.
O BNG considera que está en xogo o deseño da Coruña do futuro, “e non pode estragarse por acordos de fai 15 anos que pretenden reproducir un modelo especulativo fracasado e superado”, -en referencia a construción masiva de vivendas e de novos centros comerciais que recollen-, cando existen modelos alternativos de gran éxito moi próximos para poder estudar, como é o caso de Bilbao e a súa transformación urbana tras a desafectación dos terreos portuarios, argumentou.
“Hai que ter altura de miras, fuxir de partidismos estériles e man tendida para un debate no que participen todas as administracións implicadas e a cidadanía da Coruña, co obxectivo de definir o modelo de futuro para esta cidade”, reiterou. Equipamentos sociais e urbanos de calidade, infraestruturas para fomentar unha economía baseada no I+D+i ou mellorar a súa mobilidade interna e coa área metropolitana, como exemplos de mestura de usos para os terreos do porto.
“A Coruña ten dereito a aproveitar esta extraordinaria oportunidade sen hipotecas”, concluíu Pontón.