A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo que a Xunta articule unha axuda de 300 euros para as persoas autónomas destinada a paliar os efectos da suba dos carburantes e da enerxía, unha medida puntual e de choque que recolle o Plan de resposta á crise de prezos coa mobilización de 1.000 millóns de euros que o BNG defenderá no Parlamento galego e que, segundo subliñou, “axudaría a moitas persoas autónomas e PEMES que o están pasando moi mal neste momento tan complexo”.
Pontón recordou que o Plan deseñado polo Bloque recolle un amplo conxunto de medidas coma esta para axudar aos galegos e ás galegas a afrontar a actual crise porque, segundo afirmou, “o que non se entende é que nunhas circunstancias destas características haxa gobernos autonómicos que están tomando decisións nesa dirección e que a Xunta simplemente se estea poñendo de perfil ante a maior crise de prezos dos últimos 40 anos”. Ao seu xuízo, é o momento de que o Executivo galego “abandone a súa pasividade e se poña á fronte para axudar nunhas circunstancias de máxima dificultade”.
Así o asegurou logo da reunión que mantivo en Ourense cunha representación da Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado Municipal e á que tamén asistiu o portavoz municipal, Luís Seara, a deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés. A líder nacionalista urxiu unha solución integral para un espazo que considerou “emblemático e cun enorme potencial para a cidade”, polo que avanzou que o Bloque solicitará que os próximos orzamentos do Goberno galego inclúan unha partida concreta para que a Xunta “se implique na solución integral da praza e recupere o ‘rianxo’, porque é unha forma de facer cidade e de facelo afianzando o noso comercio local”.
Nesta mesma liña se pronunciou o portavoz municipal, Luís Seara, quen se referiu ao mercado de abastos como “un proxecto estratéxico”, unha actuación que vai moito máis alá da reforma concreta do edificio e que implica a reforma integral da contorna, incluída a zona do ‘rianxo’, polo que avanzou que mañá xoves o BNG volverá levar ao pleno do Concello unha moción para que a Xunta se implique nesta recuperación integral.
Por outra banda, e preguntada pola situación política de Ourense, a portavoz nacional do Bloque amosou a súa “desazón” co que está a pasar na cidade e, neste sentido, afirmou que “xa está ben de xerarlle falsas expectativas á cidadanía e de facer o peor da política” que, ao seu xuízo, está provocando que moitas persoas se afasten do ámbito político, ao percibir o que definiu como “negociacións escuras que non teñen no centro solucionar os problemas da cidadanía”.
“Dende o BNG temos claro que nesta cidade vai haber unha moción de censura, pero vai haber unha moción de censura o 28 de maio cando se convoquen eleccións”, incidiu, para engadir a continuación que o Bloque, con Luís Seara como candidato, está traballando “para poder darlle unha alternativa sólida aos veciños e veciñas de Ourense que están cansos e cansas do espectáculo e de ver como Ourense vai a menos, cansos e cansas desa especie de Xogo de Tronos que se ten instalado en modo cutre na cidade”.
“Estamos traballando para que nas próximas eleccións municipais haxa unha moción de censura e haxa un novo goberno liderado polo BNG porque é a única solución que hai neste momento, darlle o poder á cidadanía, porque o resto, estamos vendo que é o peor da política”, concluíu.