Galegas 2020

Ana Pontón propón unha Axenda Urbana Galega para conseguir cidades sostibles e cohesionadas

Encontro cidades
Encontro cidades

Ana Pontón insta a unha gran mobilización social o 5 de abril de todas as persoas que queren un cambio real da man do BNG

“Para ter un goberno que defenda o mesmo en Madrid que en Galiza ten que estar liderado polo BNG”, proclama

Lores declárase “namorado” da que confía será a próxima presidenta de Galiza: “vou botar os restos para que así sexa”

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, chama a unha gran mobilización social a todas as persoas que queren abrir un tempo novo e pide que o 5A ninguén que queira un cambio real quede na casa.

“A mobilización vai ser clave para abrir unha nova etapa e facemos unha chamamento á mobilización a todas as persoas que queren un cambio real da man do BNG como garantía de políticas transformadoras. É importante que ninguén quede na casa e que todos e todas nos expresemos nas urnas”, argumentou Pontón, para conxurar o intento do PP de desmobilizar.

“Temos que desmontar esa idea que quere impoñer a dereita, porque o cambio é posible se hai unha gran mobilización para pasar páxina de dez anos de goberno ineficaz, incompetente, nos que Feixóo nos deixa unha Galiza peor que a que atopou. Galiza non necesita máis gobernos sometidos a Madrid, -nin a Ferraz nin a Génova-, senón que precisamos un goberno coas mans libres que só garante o BNG”, explicou.

Tras dez anos de Feixóo presidindo un “goberno monicreque” do PP agora en campaña pretende disfrazarse: “conselleiros e conselleiras disfrazadas, o presidente disfrazado  interpretando o papel de preocupación ante a discriminación do Estado. Agora están moi preocupados pola estafa da AP-9 cando nada fixeron durante anos de goberno de Raxoi”, denunciou a líder nacionalista a modo de exemplo.

“Para que haxa un goberno que defenda o mesmo en Galiza que en Madrid ten que estar liderado polo BNG”, proclamou a candidata nacionalista, tras destacar as “boas expectativas” de cara ao 5A: “somos a forza política que máis sube e un gran resultado do Bloque é clave para acabar coa maioría absolutista de Feixóo que está utilizando contra os intereses deste país”. 

“A alternativa non vai vir das forzas subordinadas a Madrid e que fagan campaña subíndose sobre os ministros e as ministras non deixa de ser unha debilidade porque demostra que non confían nas súas propias forzas. Se cun deputado conseguimos colocar Galiza no mapa que non faremos se lideramos o goberno da Xunta, podemos darlle a volta á situación do país e ese é o noso compromiso”, recalcou.

Encontro municipal

Pontón fixo estas declaracións tras un encontro con responsables municipais do BNG nas grandes cidades para abordar o papel clave que as urbes van ter o 5 de abril para conseguir o cambio real. Neste sentido, o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores non escatimou eloxios coa candidata, da que se declarou “namorado”.

“Estou moi ilusionado e moi optimista para lograr o cambio de goberno tras once anos de inoperancia política á que hai que darlle a volta cunha presidenta nacionalista que desprende amor e confianza polo país. Vou botar os restos para apoiar a nosa candidatura para que a transformación radical en positivo de Pontevedra se traslade ao resto do país”, declarou.

O BNG incorpora ao seu programa electoral a posta en marcha dunha axenda urbana galega para fomentar un desenvolvemento sostible e afrontar o reto de construír entornos urbanos sostibles, igualitarias e con cohesión social, un dos grandes debates a nivel internacional que o Executivo do PP ignorou por completo.

Cidades compactas

“É prioritario dotar a Galiza dunha axenda urbana propia adaptada a nosa realidade, realista, e que poña en marcha políticas testadas e probadas como as que está levando a cabo o BNG situando as cidades nas que temos responsabilidade de goberno como referentes de boas prácticas, primando a sustentabilidade e a calidade de vida das persoas”, explicou a candidata.

Entre os contidos desa axenda: reducir a contaminación de todo tipo, impulsar un modelo de calmado e de redución do tráfico sen que o uso do vehículo privado se converta nunha cuestión de discriminación en función do nivel de renda. Igualmente, aposta pola redución de gases de efecto invernadoiro,  por asentamentos urbanos en lugares cómodos e seguros e, na xestión de residuos, prevención, redución e reciclaxe.

“Defendemos cidades compactas que aposten pola cohesión social e a necesidade de reducir o consumo de enerxía e abordar o ciclo da auga”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG