A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou unha ofensiva política do BNG no Congreso e no Parlamento para afondar no autogoberno de Galiza con 35 novas competencias que permitan mellorar a vida dos galegos e das galegas, dispoñer así de máis ferramentas para afrontar a crise e impulsar o desenvolvemento económico do País.
“Galiza está quedando atrás en poboación, en actividade industrial, en emprego, en servizos públicos, está quedando atrás pola parálise do Goberno do PP, incapaz de conseguir unha soa nova competencia en catorce anos. É evidente que non podemos seguir así e ante a falta de resposta e de pulso do PP, o BNG toma a iniciativa”, salientou a líder nacionalista.
Pontón alegou que nun momento de grandes retos, -escalada de prezos, situación enerxética, emerxencia climática, crise demográfica-, “Galiza non pode seguir co vello manual de instrucións que nos trouxo até aquí: o manual do centralismo, da submisión a Madrid que está facendo que Galiza quede atrás”, indicou.
Urxe dotarse de todas as ferramentas políticas, económicas, orzamentarias para afrontar estes desafíos, recalcou, deixando claro que o BNG defende un novo status político de nación para Galiza, “que permita ter institucións máis fortes e un sistema de financiamento que nos dea a chave dos nosos cartos”. Un obxectivo que non impide avanzar no autogoberno pola vía das transferencias, tanto as recollidas no Estatuto como as que se podan transferir vía artigo 150.2 da Constitución, “para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.
Neste sentido, o Bloque propón un paquete de 35 competencias aglutinadas en sete áreas: ordenación do territorio e infraestruturas; ámbito laboral e asistencia sanitaria; educación; sectores produtivos; enerxía; institucional e cultura, lingua e patrimonio.
Deste xeito, a través da comisión mixta Xunta-Estado, o BNG propón abordar cuestións como a transferencia da AP9 e AP53, aeroportos, portos de interese xeral, salvamento marítimo e ordenación do litoral e tráfico. “Gustaríame destacar que a tráfico acaba de ser transferida a Navarra e que Euskadi e Cataluña hai décadas que a teñen, mentres que PP e PSOE vetan aquí esa transferencia. Por que o que é bo para esas comunidades se lle nega a Galiza?”, criticou Pontón.
No referido ás competencias laborais e asistencias, proponse o traspaso de inspección de traballo e seguridade social, formación ocupacional e ISM; igualmente as competencias para ordenar a totalidade do sistema educativo galego, bolsas de estudo e transferencia dos centros de investigación que teñen a súa sede en Galiza.
En relación aos sectores produtivos, o Bloque reclama inspección pesqueira, seguros agrarios e paradores de turismo; mentres que no que afecta ao sector enerxético, solicita as competencias que permitan a Galiza autorizar todos os proxectos de produción de enerxía ubicados aquí, as redes básicas de gas e oleodutos e a supervisión e control de refinarías e almacéns de hidrocarburos.
No ámbito institucional, representación en entidades de carácter estatal con importantes funcións en Galiza como o Banco de España, CNMV, AENA e órganos de dirección e administración de empresas públicas con centros de traballo no País. O traspaso de institucións penitenciarias, ademais do traspaso de instalacións e espazos do Ministerio de Defensa.
Proposta ambiciosa
En cultura e patrimonio, o Bloque demanda as competencias relacionadas co fomento da industria cinematográfica e audiovisual e os arquivos, bens e fondos documentais, culturais e históricos espallados en diversas institucións e organismos do Estado.
“Unha proposta ambiciosa coa que queremos contar con máis ferramentas para ter máis benestar, máis desenvolvemento económico, máis cohesión territorial”, sintetizou Pontón, que pechou a reclamación de máis competencias para Galiza citando unhas declaracións de Rueda en 2009.
Catorce anos de ermo
Dicía daquela: “Por culpa do bipartito Galiza non ten nin policía autonómica, nin competencias en materia de tráfico; non conta con competencias policiais propias, a diferencia do que acontece en Cataluña, País Vasco e mesmo Navarra. O bipartito só conseguiu 14 traspasiños de asuntos menores”. A pregunta que lle formula Pontón: “Cal é o balance do Señor Rueda catorce anos despois? Cero novas competencias”.
Unha reflexión na que afondou o viceportavoz parlamentario, Luís Bará, para quen esa seca en transferencias demostra a “alerxia do PP ao autogoberno”. “Estes catorce anos foron un ermo, un baleiro, a nada, constatando que o PP é inimigo do autogoberno e que simplemente actúa como unha delegación de Madrid cando goberno o PP e como un ariete partidista cando goberna o PSOE”.