Ana Pontón: “Precisamos máis poder político e novas ferramentas para darlle solucións á Galiza do século XXI”

Ana Pontón
Ana Pontón

BNG “aspira a máis”, tras 40 anos dun Estatuto que non votaron a maioría dos e das galegas porque “non tiñan idade ou nin naceran”

O Parlamento debe ser o centro da vida política, a caixa de resonancia dos problemas reais dunha cidadanía que é a que lle da sentido á Cámara

Defende un novo status de nación cara a Galiza soberana que ambicionaba a xeración de Castelao para facer realidade unha “Galiza en grande”

A portavoz nacional, Ana Pontón, tomou a palabra no acto de celebración do 40 aniversario do Parlamento destacando as grandes transformacións experimentadas no mundo e en Galiza nas últimas catro décadas, seguramente impensables para os e as parlamentarias electas en 1981.

“Se tivésemos unha máquina do tempo, viaxásemos 40 anos atrás ao Pazo de Xelmírez e lle falásemos aos deputados e deputadas de móbiles, internet, facebook, instragram, twich; se lles dixésemos que as mulleres nos mobilizamos en todo o mundo pola igualdade, que hai unha  emerxencia climática que pon en risco o planeta ou que un virus ía poñer á humanidade contra as cordas estou segura que, no mellor dos casos, pensarían que era ciencia ficción, porque o mundo e a Galiza de 2021 é moi distinta a de fai catro décadas”, sintetizou a líder nacionalista.

Pero hai algo inalterable, recalcou, “que Galiza é unha nación con lingua e cultura propias, cunha idiosincrasia que nos fai diferentes e únicas, nin mellores, nin peores, simplemente galegas e galegos, plurais, con conciencia nacional e con orgullo do noso”, destacou Pontón, e desde ese orgullo de País recoñeceu “a todas as persoas que loitaron por Galiza”.

Empezando pola xeración de Castelao e Bóveda, de María Miramontes e Virxinia Pereira que defenderon un Estatuto “que nos consolidou como nación histórica”;  seguindo polas mulleres e polos homes que na Transición “defenderon a ruptura democrática, unha alternativa confederal e republicana” e ás que se mobilizaron contra o Estatuto da aldraxe.

Un recoñecemento que Pontón fixo extensivo a todos os deputados e deputadas que fixeron contribucións importantes na Cámara, que simbolizou na Lei de Normalización Lingüística, na Lei Contra a Violencia de Xénero ou na Lei Paz Andrade, argumentando que, antes como agora, “non necesitamos coincidir ao cen por cen para recoñecer que na tarefa inacabada dunha Galiza dona de si súmanse moitas loitas e persoas cuxa pegada chega até o presente”.

E precisamente por iso, a celebración do 40 aniversario do Parlamento “non pode ser mera liturxia, nin grandilocuencia baleira de contido”, alegou, senón que debe ser o centro da vida política e a casa de resonancia dos problemas reais da xente real e foro de debate para aportar solucións para mellorar a vida da cidadanía e para dar solucións aos problemas da Galiza do século XX.

A cidadanía é a protagonista

“Son os galegos e as galegas quen lle dá sentido ao Parlamento e temos que traballar con humildade para estar á súa altura, por iso esta Cámara ten que ser o centro da vida política e equivócanse aqueles que intentan amordazala, os que intentan convertelo nunha casca baleira a base de propaganda, crispación ou deturpando o debate”, destacou, advertindo que esa maneira de entender a vida parlamentaria debilita á democracia e afasta á cidadanía das súas institucións, “o que sempre é perigoso, pero máis nun momento no que sopran ventos de intolerancia, de ruído e de furia”.este sentido, subliñou Pontón, o BNG seguirá co seu empeño de converter o Parlamento “nun lugar de debate, de diálogo de ideas e caixa de resonancia dos problemas dos galegos e das galegas”, como a emigración da xente nova, a precariedade, as baixas pensións, a crise demográfica, o déficit histórico en infraestruturas ou o declive do idioma propio. E fronte a quen considera “idílico” o actual marco institucional, a líder nacionalista contrapuxo a realidade dos datos e reclamou ambición.

Algo falla e non é Galiza

“Algo falla cando perdemos peso económico, demográfico e laboral nun País rico, con talento e recursos, e non é Galiza, nin son os galegos e as galegas”, destacou, indicando que catro décadas despois “estamos moi lonxe da Galiza soberana que soñou a xeración de Castelao”. 

O Estatuto nin sequera se cumpre e pasaron doce anos coas transferencias en dique seco, “un agravio que non consentiría ningún galeguista de corazón”,  e urxe pasar das declaracións a acción ante un centralismo que avanza e dilúe o “escaso” autogoberno, concentrando cada vez máis inversións, máis poboación e máis riqueza en Madrid.

Un traxe estreito confeccionado fai 40 anos

“Por iso defendemos máis poder político para Galiza, que se cumpra o Estatuto e avanzar un novo status de nación, decidir aquí sobre o noso, iso é a soberanía, ferramentas para mellorar a vida das galegas e dos galegos”, destacou Pontón, quen neste contexto formulábase unha pregunta: “Temos que conformarnos co traxe estreito confeccionado fai 40 anos ou debemos aspirar a máis?”.

Tendo en conta, ademais, que un millón setecentos mil galegos e galegas, “eu entre elas”, non puideron opinar sobre este Estatuto, “porque non tiñamos idade para votar ou nin sequera nacéramos”. Os profundos cambios e transformacións fan necesario “novas ferramentas para darlle solucións a Galiza do século XXI, para conseguir unha saída xusta e galega a esta crise. Cando todo se move, quedar petrificados polo inmobilismo sería retroceder e temos todo por gañar desde a confianza en nós mesmas”.

“Nunca me cansarei de dicilo, somos un gran País e temos que pensar en grande, facer realidade unha Galiza que produce desde aquí para o mundo, punteira na ciencia e no coñecemento, que innova, feminista, con oportunidades para a xente moza, que coida o seu medio ambiente, que mira cara a Portugal como espazo estratéxico e que se relaciona co mundo desde o orgullo da nosa lingua e cultura”, destacou.

Pontón pechou o seu discurso proclamando o compromiso do BNG para seguir traballando desde o Parlamento “polos galegos e galegas, con humildade pero con toda a ambición, traballando para facer realidade ese soño dunha Galiza sen límites, dunha Galiza en grande”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG