Ana Pontón pon Santiago como exemplo das políticas valentes do BNG limitando as VUT para facilitar o acceso á vivenda

Pontón a Rueda: “Destine os esforzos que pon en atacar ao BNG e á alcaldesa de Compostela a facilitar vivenda que a xente poida pagar”

Cumio municipal para facer balance do primeiro ano de gobernos locais que transforman os concellos con políticas a favor das persoas

O BNG celebrou en Santiago un cumio municipal para avaliar o primeiro ano tras as eleccións locais, encontro que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou para poñer en valor a capacidade de transformación dos gobernos nacionalistas con políticas “valentes e vangardistas que poñen as persoas no centro”.

“Demostramos que hai outra Galiza posible que emerxe con forza nos concellos e nun momento de tanto descrédito da política,  onde desde Madrid só veñen aires de crispación, o BNG é exemplo de todo o contrario, dunha forma construtiva de facer política que aporta solucións aos problemas reais da xente”, recalcou, destacando o compromiso dos gobernos locais do Bloque para facilitar o acceso á vivenda pese a ser unha competencia da Xunta.

Neste sentido, Pontón puxo como exemplo o goberno de Santiago, que lidera a alcaldesa Goretti Sanmartín, e a súa decisión de regular e limitar as VUT nunha cidade na que o acceso a unha vivenda a prezos asumibles pola maioría empeza a ser misión imposible.

“A valentía amosada pola alcaldesa na regulación das vivendas de uso turístico é un exemplo de traballo con decisión en beneficio da maioría da sociedade, por certo, sen colaboración do goberno galego que ten as competencias e os  instrumentos legais para facelo”, salientou, deixando claro que os concellos liderados polo BNG “van traballar para defender o dereito á vivenda, sabendo que é a Xunta quen ten as competencias e os recursos para actuar nese ámbito”.

Pese a estas competencias, o Executivo do Partido Popular, instalado na confrontación e na propaganda, leva quince anos de “brazos caídos” nos que dinamitou a política social de vivenda abandonado ás familias con menos ingresos e á xente moza, que hoxe soportan as consecuencias da falta de vivenda protexida e dunha escalada imparable de prezos.  

“Quero darlle un consello ao señor Rueda: que os esforzos que o Partido Popular e o seu Executivo dedican a facerlle oposición ao goberno do BNG en Santiago e á alcaldesa Goretti Sanmartín, que os dedique a traballar para garantir vivendas que a xente poida pagar”, reclamou Pontón.

Xunto coa vivenda,  no cumio municipalista tamén se abordaron outros retos de presente e de futuro que afrontan os gobernos locais nun contexto no que o avance da dereita e da ultradereita supón un perigo para a igualdade real e a consolidación de dereitos das persoas. Retos como a emerxencia ambiental, a defensa dos recursos naturais e patrimoniais; nos que Pontón puxo como exemplo Muros e Ribeira asumindo o liderado na loita na recente marea de pellets; ou as alcaldías de Arzúa e Santiso na súa mobilización da man da veciñanza en contra da macro celulosa contaminante de ALTRI.

Tamén preocupa ós gobernos municipais a transformación dixital da sociedade e da economía, que debe facerse evitando que se produzan fendas de xénero, de idade e de clase, así como a defensa dos servizos públicos, como demostra o goberno de Moaña manifestándose 135 semanas consecutivas coa veciñanza. Igualmente forma parte importante da acción municipal BNG o impulso á lingua e á cultura, como parte dunha identidade propia e orgullosa e tamén como motor económico e social.

Pontón fixo referencia a outro elemento que está no ADN dos gobernos municipais do BNG: a recuperación das cidades e da vilas para a veciñanza, a través da posta en valor do espazo público, con exemplos emblemáticos como Pontevedra, -cuxo 25 aniversario de Lores liderando esa transformación foi destacada pola líder nacionalista-, pero tamén en concellos como Carballo, Allariz e tantos outros.

Financiamento e competencias

Ademais de facer balance do primeiro ano tras os comicios locais e de abordar os retos que hai sobre a mesa, os gobernos municipais do BNG puxeron en común as dificultades na relación con outras administracións que, como a Xunta, teñen as competencias e os recursos económicos pero que descargan responsabilidades nos concellos. “Vemos a escasa cooperación institucional e colaboración financeira nos proxectos municipais por parte do Estado e especialmente por parte da Xunta”, criticou Pontón.

Por iso, tras o cumio municipalista, o BNG reclama un novo financiamento local que urxe modificar igual que pasa a nivel autonómico, porque os concellos galegos están infrafinanciados e discriminados a respecto da media estatal, nada menos que 50€ menos por habitante, “ao que hai que engadir a discrecionalidade da Xunta na distribución dos fondos que transfire aos concellos”, denunciou. A segunda cuestión que os concellos do Bloque consideran importante é clarificar as competencias municipais en todos os ámbitos.

“Os concellos liderados polo Bloque desenvolven unha acción de goberno que pon en valor o propio, acreditando nas posibilidades do País, desde a colaboración e coa participación activa da sociedade, unha acción política honrada e rigorosa no uso dos recursos públicos”, concluíu Pontón, que puxo en valor o traballo municipal aportando exemplos da capacidade transformadora de todas e cada unha das alcaldías BNG. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG