A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro cos alcaldes, alcaldesas e responsables dos gobernos municipais no marco da cita do 5A, e destacou que os concellos liderados polo BNG son “exemplos de bo goberno” e de políticas transformadoras capaces de mellorar a vida das persoas.
Ese modelo de “gobernos de calidade” xunto coa experiencia e capital acumulados avalan que BNG está preparado para liderar o goberno do cambio real.
“Nos concellos demostramos a experiencia acumulada de gobernos transformadores, un valor moi importante que será tido en conta porque os mellores gobernos municipais levan a marca BNG e ese é un aval tamén para pedir a confianza dos e das galegas”, explicou Pontón.
Son concellos que innovan, que confían na capacidade do país e poñen sobre a mesa medidas alternativa, pioneiras para afrontar os retos, alegou, e proban como desde a confianza no noso potencial somos capaces de facer cambios transformadores.
“Iso é o que lle ofrecemos aos galegos e galegas o 5A: unha experiencia e un capital acumulados, que estamos preparad@s para gobernar, para que Galiza sexa gobernada desde Galiza, para deixar atrás o sucursalismo e as maiorías absolutista inútiles e poñer en marcha un cambio galego”, recalcou,
“Nos concellos ten o BNG unha equipa de persoas con solvencia, capacidade de xestión, honestidade, rigor para gobernar desde a humildade, sabendo escoitar e adaptando as solucións á realidade. Así é como queremos gobernar a Xunta. Temos detrás parte da receita que nos pode procurar o éxito porque estamos preparadas e preparados e temos vontade e ideas para transformar en positivo este país”, afondou.
No terreo das propostas, Pontón avanzou como prioridade de goberno corrixir o déficit de financiamento que soportan os concellos: “cada vez prestan máis servizos propios ou impropios, pero sen recibir os recursos suficientes”, explicou, tras comprometerse a que un goberno liderado polo BNG será aliado dos municipios.
Para iso, a proposta é impulsar un novo modelo de financiamento que pase por un concerto económico, no que sexa Galiza quen recade o 100% dos recursos e faga unha distribución en función da realidade dos concellos.
50 € menos por habitante
Prioritario “acabar coa discriminación que soportan os concellos galegos na distribución dos fondos que chegan desde o Estado”, de tal xeito que reciben 50€ menos por habitante que a media estatal para xestionar os mesmos ou mais servizos. “Por poñer un exemplo, un concello como Carballo deixa de ingresar nada menos que 1,5 M€ por este modelo e penso que a Evencio se lle ocorren moitos proxectos aos que destinar estes cartos”, indicou en referencia ao rexedor bergantiñán.
En nome dos gobernos municipais, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que os concellos do BNG están “esperanzados co cambio para ter un goberno aberto e que trate por igual a todos os concellos do país. Imos traballar fondamente para que iso suceda”, asegurou.
“Onde gobernamos demostramos que sabemos facelo e todo ese capital humano, toda a experiencia acumulada neses gobernos imos poñela a disposición dese cambio galego”, concluíu González.