A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita institucional ao Concello de Castrelo de Miño para poñer en valor o “extraordinario” traballo realizado pola equipa de goberno local liderada polo alcalde Xurxo Rodríguez que, nunha década, logrou situando este municipio como un referente en toda a provincia de Ourense.
“A chegada do BNG ao goberno marcou un antes e un despois, convertendo ao concello nun referente en política social, en servizos públicos, recuperación ambiental e calidade de vida, aberto e transparente no que a veciñanza é a protagonista”, salientou a dirixente do Bloque.
Pontón cualificou o traballo realizado polo executivo local como “impresionante” e augurou que Rodríguez e a súa equipa volverán contar co apoio da veciñanza para que Castrelo de Miño siga avanzando.
“Vemos un goberno municipal que transformou en positivo este concello e que sigue tendo moitas ideas de futuro”, subliñou, “e quero facer un recoñecemento especial ao papel de Xurxo Rodríguez como alcalde, ao seu impulso e bo facer liderando a equipa de goberno. Hai unha labor extraordinaria, cun balanzo de xestión impresionante porque a potencia do que se fixo é incríbel, e con esa enerxía e esa potencia ten que seguir medrando Castrelo de Miño nos próximos anos”.
Para Pontón, o traballo desenvolvido nesta vila do interior de Ourense é un exemplo do que o BNG é capaz de facer desde os concellos nos que goberna, “a marca de calidade e de identidade” do Bloque, “de tal xeito que, naqueles concellos nos que temos oportunidade de desenvolver un proxecto político, demostramos que serve para avanzar, para mellorar a vida das persoas e para ser referentes”, concluíu.
Pola súa parte, o alcalde amosou o orgullo pola transformación lograda, da que fai partícipe á veciñanza, e polas promesas cumpridas cando chegaron á Alcaldía.
“A transformación tivo tres aspectos clave, o sector vitivinícola, o río Miño e, por suposto, a nosa veciñanza que nos permitiron levar a cabo un traballo recoñecido mesmo a nivel internacional con distincións de Unicef declarando Castrelo concello amigo da infancia, e concello saudable e amigo das persoas maiores por parte da Organización mundial da saúde”, salientou Rodríguez. O alcalde destacaba que este é o único municipio en toda Galiza que ten estas tres distincións.
“É unha honra ver como transformamos o concello, cumprindo o que dixemos no 2007 de convertelo nun instrumento para mellorar a calidade de vida da veciñanza, fixémolo nunha vila rural do interior onde prestamos servizos de calidade a un prezo xusto, e penso que por iso temos o respaldo que nos leva dado dúas maiorías absolutas”, salientou o rexedor nacionalista.
Pontón aproveitou a visita institucional, -á que tamén asistiu a deputada por Ourense, Noa Presas-, para coñecer a vivenda comunitaria e a casa-niño, a zona de pesca Pescatrelo, o centro cultural e o parque náutico, completando o percorrido polas principais infraestruturas sociais, culturais e de ocio da vila. Finalmente, mantivo un encontro con responsables políticos, militantes e simpatizantes.