A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamoulle ao Goberno galego que deixe o “partidismo estéril” e defenda os intereses de Galiza e da cidade da Coruña esixindo ao Estado que sufrague a totalidade das obras do Porto Exterior de Punta Langosteira, “posto que é unha obra do Estado e debe ser este quen a pague”.
Financiar con cartos dos e das galegas unha obra do Estado é o que agocha o “protocolo da vergoña e do roubo a cidade da Coruña asinado con nocturnidade e aleivosía por Fomento, Xunta e Portos do Estado, as tres administracións en mans do PP”, denunciou Pontón, na pregunta parlamentaria ao Goberno.
A dirixente do Bloque subliñou que o Estado destinou 5.000 millóns de euros na construción, traslado ou ampliación das infraestruturas portuarias, -786M€ en Xixón, 978 en Valencia, 1.300 en Barcelona e 2.000 en Bilbao-, mentres que no caso do Porto exterior da Coruña o Estado pretende facer caixa con terreos públicos que teñen como lexítimo propietario á propia cidade.
Fronte a esa choiva de millóns a outros territorios, para A Coruña o PP ofrece un protocolo “da vergoña e do roubo á cidade”, que por un lado implica “regalarlle 21M€ ao Estado para que uns terreos que son públicos sigan sendo públicos, unha tomadora de pelo, que mesmo podería ser considerada malversación de fondos públicos”, salientou Pontón e, por outro lado, ese protocolo “blinda un pelotazo urbanístico nos terreos do porto”.
“Unha nova discriminación a Galiza e A Coruña consecuencia da submisión de Feixóo a Raxoi”, recalcou, “facéndonos pagar as obras dun porto exterior comprometido polo Estado, cando noutras cidades fixo investimentos millonarios”. A dirixente do Bloque tamén advertiu que a “operación especulativa” que agocha á venda de terreos do Porto vai en contra do futuro da cidade da Coruña.
Deseño caduco de fai 15 anos
O deseño e usos da fachada marítima “definirá a Coruña do futuro e iso non pode decidirse de costas á cidade e cun deseño prefixado fai quince anos que é un error de futuro, porque o futuro da cidade non pasa por construír máis centros comerciais e máis vivendas, non foi iso o que fixeron noutros lugares que pasaron por un proceso similar de desafectación de terreos portuarios”, alegou Pontón.
Por iso, a portavoz do Bloque instou ao PP “a deixar atrás o partidismo estéril en relación a este asunto capital, de usar este tema en beneficio dos intereses do Partido Popular e posiblemente de algún especulador, e reclamemos do Goberno central que financie o Porto Exterior da Coruña como fixo noutras partes do Estado”, concluíu.