Ana Pontón pide un último esforzo para converter o carballo de Conxo en árbore europea do ano co empuxe de toda Galiza

Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Iria Carreira
Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Iria Carreira
Destaca o seu grande simbolismo asociado a valores como a liberdade, a igualdade e a fraternidade ou ao coidado do medio e o orgullo de ser galegos e galegas

A portavoz nacional, Ana Pontón, animou á cidadanía, non só de Compostela, senón de toda Galiza, a “dar un último empuxón” e votar a favor da designación do carballo de Conxo como árbore europea do ano, a poucas xornadas de que conclúa o prazo de votación para esta distinción o próximo día 28.

Uun acto celebrado ao pé do propio carballo do Banquete de Conxo e no que estivo acompañada da portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, e a deputada Iria Carreira, a líder nacionalista puxo en valor o seu “grande simbolismo”, asociado á “defensa da liberdade, a igualdade e a fraternidade”, valores que considerou tan necesarios a día de hoxe, “nun momento no que a nosa cabeza e o noso corazón tamén está co pobo de Ucraína, que está vivindo unha situación intolerable” e ao que quixo enviar “toda a nosa solidariedade e cariño”.

Logo de reiterar a posición do BNG en favor da retirada das tropas rusas e contra a guerra, na que segundo recalcou, “sempre gañan os imperialistas e perden os pobos”, Pontón tamén se referiu á unión desta senlleira árbore compostelá coa defensa do medio ambiente e a biodiversidade.

Neste sentido, recordou as palabras de Rosalía de Castro, tamén vinculada á historia do carballo, que, nunha vez máis precursora, fixo un alegato neste sentido cando se cortou unha parte importante da carballeira de Conxo. “Aínda que a Galiza de hoxe é moi diferente á Galiza de Rosalía, hoxe vemos como esa reivindicación da nosa biodiversidade, da nosa unión coa natureza e co coidado do medio ambiente sigue vixente”, recalcou.

De igual xeito, a portavoz nacional tamén apelou ao carácter de árbore nacional que ten o carballo polo que, ao seu xuízo, detrás da súa posible distinción final como árbore europea do ano tamén se atopa “a defensa do propio, a autoestima e o orgullo dos nosos sinais de identidade, entre os que están elementos naturais coma este” que, segundo incidiu, “non só é un símbolo para Santiago de Compostela, senón un símbolo para toda Galiza”. “Sería un orgullo para todos e todas as galegas que gañara e un espaldarazo definitivo a todos estes valores”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG