A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pediu hoxe a confianza e apoio dos veciños e veciñas de Poio para que o equipo encabezado polo actual alcalde, Nito Sobral continúe poñendo en marcha medidas destinadas a mellorar o concello.
Para a nacionalista, o vindeiro 26 de maioActo Poio será unha cita importante á hora de decidir quen vai dirixir e xestionar o concello e ninguén mellor que Nito Sobral, dixo, para “continuar no camiño de aproveitar as grandes potencialidades de Poio”. Dende o BNG queremos pedirvos que renovedes a confianza en Nito e na candidatura do BNG conformada con xente nova que ven con ganas de dar o mellor e sobre todo, con “ideas e coñecemento do concello”.
No acto celebrado nos Xardíns de Ferreirós, Pontón lembrou que durante estes anos todos os veciños e veciñas de Poio “tivestes a porta aberta da alcaldía e do goberno do BNG” cun alcalde caracterizado pola súa proximidade coas persoas que vivides no concello. “Nito Sobral é un home ao que non lle gusta a crispación e sempre escolle escoitar e traballar polo ben común”. Estou segura, que coma a min, todos e todas pensades o mesmo, Nito preocupase e leva demostrado un “grande compromiso con Poio”, e polo gran potencial do concello, polo seu mar, os seus recursos produtivos, a paisaxe e por iso hoxe, pido o voso apoio para un “equipo sólido, con experiencia, con rumbo certo para que o concello de Poio siga mellorando os seus servizos públicos e por máis calidade de vida”.
É o momento, manifestou a portavoz nacionalista, de “facer unha aposta clara para que non se produza ningún retroceso e estou convencida de que Poio vai estar aí”.
Para Pontón o mellor “aval” nestas eleccións municipais é o traballo realizado polo BNG nos concellos como o de Poio, con políticas sociais, culturais e deportivas ao que sumou melloras noutros ámbitos destinadas sempre ás persoas. O BNG cando goberna fai unha xestión dos recursos de maneira transparente e honesta e aplica medidas que son referencia para a política municipal galega e recoñecida internacionalmente, afirmou.
NITO SOBRAL DESTACA AS POLÍTICAS SOCIAS EMPRENDIDAS POLO BNG E COMPROMETESE A SEGUIR HUMANIZANDO O CONCELLO
Pola súa parte, o actual alcalde de Poio, Nito Sobral destacou o traballo realizado durante estes catro anos coa execución de máis de 15 M€ en investimentos entre os que mencionou as beirarrúas de Campelo, a humanización da Seara, a seguridade vial na PO-308 e a reposición da rede en alta do subministro de auga sen esquecer as políticas sociais, medioambientais, culturais e deportivas ás que foron destinadas a maior parte dos recursos.
Nesta liña, avanzou que a día de hoxe, o concello de Poio xa ten comprometidos con outras administración tres millóns de euros para novos proxectos como o parque forestal en Combarro e Samieira, infraestruturas municipais con grande aforro enerxético, a implantación de sistemas de compostaxe na recollida de lixo e a segunda fase de seguridade vial da PO-308 entre As Badancas e Covelo.
O actual rexedor de Poio tamén se referiu a futura depuradora de residuais para Raxó e Samieira, unha nova alternativa á PO-308, o vial do Bao, un Pavillón polideportivo, o polígono industrial, un centro de saúde e de maneira principal a humanización das contornas urbanas, melloras que sen dúbida algunha dixo, farán do noso concello o lugar no que todos e todas vivamos rodeados dos servizos necesarios e nas mellores condicións.
Finalmente, afirmou que todos estes proxectos non serían posible sen a dedicación dos homes e mulleres da candidatura do BNG, “persoas que comparten o traballo e o compromiso para que Poio siga medrando en calidade de vida para todos os seus veciños e veciñas”.