Galegas 2020

Ana Pontón pide ás mulleres que encheron as rúas o 8M trasladen esa rebeldía ás urnas e fagan posible o cambio galego co BNG

Presentación A Coruña
Presentación A Coruña

Dálle a razón a Feixóo cando advirte dun goberno liderado polo Bloque: “acerta, pois imos facer historia cunha muller nacionalista na Presidencia”

Advirte que o PP sumará con VOX se o necesita, como xa fai en Madrid ou Andalucía, a pesar de ser unha forza machista e antigalega

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou a presentación da lista nacionalista pola Coruña para trasladar o seu “orgullo” pola forza do feminismo  galego e instou ás mulleres que encheron as rúas que trasladen a súa loita ás urnas para facer posible o cambio real da man do BNG.

“Quero expresar o meu orgullo pola forza do feminismo galego que demostrou, un 8M máis, que é irrenunciable conseguir unha sociedade de mulleres libres e iguais”, e por iso, destacou,  “estou convencida de que esa rebeldía, esa loita, esa dignidade  vaise expresar alto e claro nas urnas o próximo 5A, que as mulleres van facer unha aposta  por un cambio galego cun goberno que vai poñer no centro as políticas de igualdade e de defensa dos nosos dereitos, e ese goberno é o que encarna o BNG”.

Pontón recalcou que este é “tempo de mulleres”, de avanzar e de plantar cara aos discursos negacionistas da extrema dereita aliada de goberno do PP. “Ni un paso atrás ante discursos machistas da extrema dereita coa que o Partido Popular do candidato Feixóo goberna en Madrid ou Andalucía, esa extrema dereita machista e antigalega coa que Feixóo non dubidaría en aliarse para gobernar en Galiza se fose necesario”, recalcou.

A candidata nacionalista tamén se fixo eco das advertencias do PP sobre a posibilidade de que o BNG lidere o próximo Executivo da Xunta.

“Por unha vez, teño que darlle a razón a Feixóo e ao PP cando advirten dun BNG presidindo o Goberno a partir do 5A, porque ese é o noso obxectivo: liderar o cambio galego, abrir un tempo novo, facer historia e que por primeira vez unha muller, nacionalista presida a Xunta de Galiza. O que fan Feixóo e o PP é un recoñecemento da súa derrota e poñer o foco nunha forza á alza, disposta a conseguir un cambio galego coa apoio desa maioría social que quere deixar atrás a Galiza en branco e negro para dar paso a unha Galiza con futuro”, concluíu.

Pontón fixo estas declaracións na presentación da candidatura na Coruña, que encabeza, seguida de Xosé Luís Rivas, Mercedes Queixas, Rosa Pérez, Ramón Fernández, Daniel Pérez, Iria Carreia, Carlos Babio, -“un home que planta cara ao neofascismo da familia Franco, exemplo de dignidade e a valentía”.

“Tanto elas como o resto de compañeiros e compañeiras teñen un denominador  común: o seu compromiso coa Coruña e con Galiza, dispostas a defender os intereses desta cidade sen pedir permiso a ninguén, sen ataduras, nin mordazas, sen mirar a Madrid. Homes e mulleres competentes, preparadas e comprometidas, nunha candidatura que combina renovación e experiencia, que empodera ás mulleres e que tamén da protagonismo á xente moza”.

“Por todo isto podo dicir, con orgullo, que está é unha candidatura de excelencia, unha candidatura gañadora, un equipazo para que A Coruña teña a mellor das representacións tras o cinco de abril”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG