“Intelixente, valente, que non se arruga ante nada nin ante ninguén cando se trata de defender os interese de Moaña, cargada de honradez, con proxecto claro e con equipo que lle están a dar un novo impulso a este concello”. Así definía a portavoz nacional, Ana Pontón, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, no acto de arranque de campaña da formación nacionalista neste municipio.
“Moaña é un exemplo claro de que o BNG ten ideas e un proxecto definido, unha forza política seria, e a equipa que lidera Leticia demostrou que con boas propostas é posible mellorar a vida da xente, e iso é o que leva facendo desde o Goberno local nos últimos tres anos, apostando polas políticas sociais, pola dinamización económica, por defender unha mobilidade diferente para este municipio e para a ría”, salientou.
Logros que Pontón comparte considera colectivos “porque traballamos cóbado a cóbado coa veciñanza de Moaña e o queremos seguir facendo ao longo deste ano para a cita electoral das municipais, porque este goberno ten moitos proxectos en marcha e temos que seguir sumando máis apoios para o BNG para consolidar o proxecto que representa Leticia Santos e a súa equipa en Moaña”, demandou.
Pero a dirixente do Bloque tamén ve nos comicios locais de 2019 a oportunidade de poñer “a primeira pedra da derrota de Feixóo, un presidente que non defende os intereses dos e das galegas, como sabedes ben en Moaña onde sufrides a súa incompetencia para xestionar as obras de ampliación de Rande”.
Tampouco na lei de dependencia, ou na defensa dun sistema de financiamento xusto para Galiza e noutras cuestións claves para o país soubo Feixóo exercer como presidente e dar a cara polos intereses dos e das galegas. “Por iso temos que traballar para construír unha maioría social arredor do BNG, para derrotar as políticas do PP. Somos unha forza política á alza e iso vaise notar nas eleccións municipais, porque imos con máis ganas que nunca”, concluíu.