Ana Pontón pide a Feixóo que deixe de ir “por detrás” do virus e propoña confinar para cortar a dramática cadea de contaxios

Ana Pontón
Ana Pontón

Aumentan as voces expertas a favor desta opción e sorprende que non se poña sobre a mesa do comité clínico que encabeza o presidente da Xunta

As medidas non están funcionando e non se pode coller un sector económico como “cabeza de turco” simplemente para “facer que se fai”

Acusa a Feixoo de botar balóns fóra e a Sánchez de estar de campaña electoral co seu ministro de sanidade pese ao descontrol da pandemia

A espera de coñecer as medidas que anuncie o presidente da Xunta, a portavoz nacional, Ana Pontón, critica que, pese a levar dez meses de loita contra a COVID, o xefe do Executivo sigue incapaz de anticiparse e vai por detrás do virus, reaccionando tarde e con medidas que non están funcionando para frear os contaxios, como demostran as cifras record de novos infectados dos últimos doce días.

E neste contexto de descontrol da pandemia, a líder nacionalista urxe a Feixóo a poñer sobre a mesa un confinamento domiciliario de dúas semanas que corte de raíz a dramática cadea de contaxios, que se traduce en máis falecementos, máis  hospitalizados e máis ingresos en UCI, de tal xeito que a presión asistencial está chegando ao límite en áreas sanitarias como a da Coruña.

“Os responsables da xestión directa da crise non se anticipan senón que van por detrás do virus con cifras intolerables en termos de saúde antes as que é necesario reaccionar adoptando unha medida que demostrou a súa eficacia para cortar a expansión da pandemia”, explicou Pontón, “e esa medida é un confinamento domiciliario de dúas semanas ampliables, para cortar de raíz a cadea de contaxios”.

Unha medida que cada vez reclaman máis persoas expertas e do ámbito sanitario, polo que sorprende que non se aborde no comité clínico que encabeza o presidente da Xunta. “Feixóo é o responsable político da toma de decisións en Galiza e cando cada vez son máis as voces a favor do confinamento, custa crer que esta medida non se poña sobre a mesa no comité de expertos”, indicou Pontón.

A líder nacionalista subliñou que a expansión do virus “non é responsabilidade dun sector que se está usando como cabeza de turco simplemente para facer que se fai”, indicou en relación á hostalería, “nin tampouco vai de debates estériles arredor do toque de queda”, alegou. Neste sentido,  a portavoz do BNG pediu responsabilidade tanto ao Goberno galego como ao Goberno central.

“Non sei que esperan Feixóo e Sánchez para adoptar un confinamento. E o que vemos é que un sigue instalado na falta de anticipación e botando balóns fora, mentres que o outro parece máis pendente de facer campaña electoral co seu ministro de Sanidade que de conter a pandemia”, criticou.

Pontón atribuíu a resistencia do presidente da Xunta a un confinamento á “falsa dicotomía” entre saúde e economía, porque unha non é posible sen a outra como volveu demostrar a calamitosa estratexia de “salvar o Nadal”, da que Feixóo foi un abandeirado. “A solución é o confinamento como medida máis eficaz para cortar de raíz o contaxio, que debe acompañarse de axudas aos sectores máis afectados por parte das administracións públicas. O que non se pode é seguir con medias tardías, erráticas e sempre por detrás do virus”.

Recoñecemento ao persoal sanitario e vacinación

Xunto ao confinamento, a portavoz do Bloque volveu insistir na urxencia de planificar a campaña de vacinación, para contar co persoal necesario, cos medios e coa loxística ben definida para aplicar a vacina canto antes ao maior número posible de poboación. Pero mentres iso non é posible, a prioridade é controlar a pandemia e minimizar os contaxios, máxime agora cos anunciados problemas de subministro e demoras nas entregas previstas por parte das farmacéuticas.

Pontón volveu facer un recoñecemento público ao todo o persoal sanitario polo “extraordinario” traballo que está a desenvolver, un persoal en moitos casos exhausto que segue en primeira liña para coidar a saúde de todos e de todas. A mellor maneira de compensalos, declarou, é reforzar a sanidade pública dunha vez por todas, con máis medios humanos e materiais, tanto nos hospitais, nas UCIs como en atención primaria.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG