A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na manifestación convocada polo cadro de persoal da central de ENDESA no concello das Pontes para mostrar o seu apoio aos traballadores e traballadoras desta factoría aos que a multinacional pretende reducir salarios pese a obter uns beneficios de 400 millóns de euros só no primeiro trimestre de 2019.
“É un abuso que a empresa pretenda reducir o salario aproveitándose dunha reforma laboral que só serve para perder dereitos laborais, algo inaceptable nun sector como o enerxético e dunha empresa como ENDESA que ben de anunciar como expectativa unhas ganancias de 1.500 millóns de euros en 2019 e de 1.600 millóns de euros en 2020”, alegou a dirixente do Bloque.
Pontón ve neste caso “un exemplo de manual dunha empresa que quere seguir enriquecéndose a costa de quitarlles salarios e dereitos laborais ao cadro de persoal, o que non se pode tolerar porque ter salarios dignos non é un privilexio é un dereito que conquistaron a base de moito esforzo colectivo e de mobilizacións”, explicou.
A líder nacionalista lembrou que, unha vez máis, estamos ante unha empresa que foi privatizada polo PP e polo PSOE e despois vendida a unha empresa do sector público italiano, “que está levando a cabo un auténtico desfalco, de tal xeito que os 400 millóns de euros que acaba de ganar explotando os recursos naturais deste país non van quedar en Galiza senón que se van ir para Italia”.
Pontón aproveitou a súa presenza na manifestación para expresar a solidariedade do Bloque co cadro de persoal e lanzar tres mensaxes.
“En primeiro lugar, a Xunta debe presionar a ENDESA para evitar o roubo de salarios cunha acción firme e decidida. En segundo lugar, a Comisión Nacional do Mercado de Valores debe abrir unha investigación para saber que está pasando nesta empresa, como se pode estar descapitalizando e que papel está xogando ENEL e, finalmente, destacar as graves consecuencias das contrarreformas laborais do PP e do PSOE, de tal xeito que o novo Congreso ten que poñerse mans á obra para que acabar cunha normativa que permite roubar salarios e dereitos laborais”, sintetizou.