Se abría a axenda de mitins de campaña en Pontevedra, a portavoz nacional, Ana Pontón, pechou a segunda xornada electoral con mitin en Allariz: “Onte en Pontevedra e hoxe en Allariz, como non vou presumir do modelo municipal de éxito do BNG?”, interpelaba, poñendo os dous referentes máis emblemáticos de gobernos locais nacionalistas como exemplos da capacidade do Bloque para transformar en positivo vilas e cidades.
“Onde gobernamos melloramos a vida das persoas, con concellos honestos, libres de corrupción, con democracia participativa, feministas e sustentables. Concellos dos que sentir orgullo, que promoven a nosa lingua e cultura, que demostran que cando temos confianza nas nosas capacidades logramos ser un referente, dentro e fora do país, a aí están os feitos dun modelo municipal de éxito, que funciona e queremos estender por Galiza, queremos máis BNG nos concellos”, recalcou Pontón.
De feito, está convencida do avance electoral do Bloque que será a antesala da apertura dun tempo novo en Galiza coa saída do PP do goberno do país. Pero antes a cita cos comicios locais e europeos: “o mellor nos concellos e en Europa é máis BNG nas eleccións do 26M e por iso hai que encher as urnas de voto de futuro que é o voto ao Bloque”.
Soltar o lastre das políticas do PP
Pontón colocou este modelo de éxito nas antípodas “dun PP instalado na mesma política vella, caduca, caciquil e fracasada de sempre, a política do dúo Baltar-Feixóo, que lastra o enorme potencial desta provincia porque ten un efecto de chumbo nas alas e impide que Ourense voe alto e se sitúe a vangarda naqueles campos nos que ten capacidade para marcar tendencia: Patrimonio cultural e natural, termalismo, sector vitivinícola, sector agroalimentario”, alegou.
“Desde este oasis, desde Allariz, animo a que aproveitemos o 26M para soltar lastre, para deixar que Ourense voe alto estendendo o modelo municipal do BNG por toda a provincia, e por Galiza. Máis BNG nos concellos”, proclamou.
Para conseguilo, Pontón apelou a mobilizarse e a non dar nada por sentado, a ser ambiciosos e inconformistas de cara as citas electorais.
“Falemos con todo o mundo, expliquemos o noso modelo municipal ou, neste caso, simplemente convidemos a percorrer o concello porque cada praza, cada servizo público que ofrece, cada lugar recuperado, humanizado, urbanizado, cada recuncho do Arnoia saneado, cada senda peonil, cada rúa chea de dinamismo social, económico e cultural...e o exemplo máis contundente do que supón o modelo municipal do BNG”.
Tamén fixo referencia as eleccións europeas, poñendo en valor o “extraordinario” traballo levado a cabo pola actual eurodeputada e candidata, Ana Miranda.
“O escano do BNG foi o escano de Galiza, que permitiu dar a cara polos nosos intereses, desde a defensa dos sectores produtivos, como o vitivinícola tan importante nesta comarca, o contundente informe a favor das vítimas do Alvia, o seu empeño en dar a cara para acabar cos privilexios do franquismo sen Franco, a loita a favor dos refuxiados, contra a involución democrática e a perda de dereitos, e podía seguir porque fixo máis a nosa candidata en que o resto de eurodeptuad@s por Galiza xuntos”
Acción política en Bruxelas
Miranda aproveitou a súa intervención para incidir dun dos problemas máis graves do país, en particular da provincia de Ourense: a despoboación tanto polo abandono do medio rural ante a falta de servizos e oportunidades como pola sangría da emigración da mocidade. Allariz, entre as escasas excepcións deste marco.
“É posible conseguir máis recursos europeos contra o problema demográfico grazas a que o BNG logrou que a cuestión da despoboación sexa considerada un problema a escala europea coa posibilidade de recibir recursos adicionais para combatelo”, explicou. “Non foi un logro de Feixoó, senón do traballo político do Bloque na Eurocámara”, destacou, “que podemos agardar dun PP que lle chama á emigración mobilidade laboral?”, ironizou.
Os concellos galegos poden xestionar eses recursos “para facer centros de día, escolas infantís, servizos dixitais, transportes, cultura”, explicou Miranda, tras comprometerse a que seguirá defendendo “unha xestión galega dos fondos europeos en lugar da inoperante centralización no Estado”. Para ter esa voz en Europa “que dea a cara tamén pola Galiza do interior”, Miranda pediu o apoio a candidatura que lidera.
Baños de Molgas
Tanto Pontón como Miranda, que compartiran mitin en Verín, completaron a súa axenda electoral en Ourense cunha visita previa a Baños de Molgas, onde mantiveron un encontro co alcalde, Xaime Iglesias, e coa veciñanza para repasar as demandas da vila. A líder nacionalista puxo como exemplo do moito que queda por facer na provincia “estar reunidos nunha estación de tren pola que non pasan trens, ou se pasan non paran”. Por iso, pediu o apoio para o actual rexedor, porque xa foi capaz de sacar a Baños do abandono “pero queda moito traballo que facer e ninguén quere volver atrás”.