A portavoz nacional, Ana Pontón, pídelle ao presidente da Xunta que aproveite a visita do ministro de Fomento a Lugo para reclamarlle que levante o veto á AP9 e esixir para Galiza os mesmo trato que recibiron Euskadi e Catalunya cando solicitaron a transferencia das súas autoestradas.
“Ten unha oportunidade de ouro para reclamar respecto ás decisións de Galiza e para dicirlle con rotundidade a Iñigo de la Serna que a Xunta non acepta o segundo veto vergoñento de Rajoy á petición de transferencia da AP9”, salientou Pontón durante a súa visita ao concello de Castrelo de Miño, con motivo da celebración do décimo aniversario do Goberno municipal do BNG.
Pontón insta a Feijóo a abandonar unha submisión a Madrid que ten un custe moi alto para os petos dos 20.000 galegos e galegas que cada día usan a AP9.
“Por que vascos e cataláns teñen as súas autoestradas desde décadas, por que Galiza non ten os mesmos dereitos? Son as cuestións que esperamos que pregunte e que abandone o si bwana que nos costa tan caro”, alegou, xa que Feijóo e de la Serna van verse as caras nun acto “que corrobora a discriminación de Galiza porque falamos dun novo tramo para unha autovía pola que levamos 20 anos esperando, a que comunica Lugo e Santiago, que sigue a paso de tartaruga”, criticou.
Pontón fixo estas declaracións desde o concello ourensá de Castrelo de Miño onde asistiu aos actos de celebración dos dez anos de goberno do BNG neste municipio da man dunha equipa liderada polo alcalde Xurxo Rodríguez.
“Demostra a capacidade de transformación a favor da veciñanza que teñen os gobernos municipais do Bloque, mostra o potencial e a capacidade para construír unha Galiza con benestar, na que poder vivir e traballar con dignidade, en definitiva unha Galiza con futuro tamén no rural”, subliñou parabenizando o “gran traballo” do goberno local para mellorar a vida das persoas, con iniciativas económicas, sociais e culturais.
Tarifa eléctrica galega
Castrelo de Miño é tamén “o lugar idóneo” para reivindicar o dereito de que os galegos e as galegas “nos beneficiemos dos nosos propios recursos”, neste caso a produción de enerxía. “Non é normal que sendo produtores netos de electricidade non nos beneficiemos de tarifas máis baratas por unha decisión política baseada en criterios centralistas do Estado”, alegou.
E iso pasa tamén nun concello como Castrelo de Miño, que ten no seu termo municipal un gran encoro, e nunha provincia como Ourense, anegada por embalses sen que ese custe medio ambiental se compense cunha tarifa eléctrica galega para as familias e as empresas.
“Hai que corrixir esta situación apostando porque Castrelo de Miño e Ourense se beneficien dos seus recursos como a electricidade para reinvestir na provincia e facer fronte ao envellecemento e ao despoboamento, que se beneficie de ser produtora de enerxía, e por iso reclamamos unha tarifa eléctrica galega”, concluíu Pontón, tras advertir que se preparan novas subidas da factura eléctrica desde un Goberno central “que só atende aos intereses das eléctricas”.