A portavoz nacional, Ana Pontón, celebrou un acto co candidato á Alcaldía do Carballiño, Chema Ferreio, e pediu o apoio para o Bloque por ser a única alternativa que presenta un proxecto serio e coherente para a veciñanza.
“O proxecto político do BNG é o que este concello necesita, porque está pensado nas necesidades reais da veciñanza do Carballiño, e sobre todo porque o proxecto que lidera Chema Ferreiro é garantía de seriedade, de solvencia e de coherencia, fronte a outras forzas máis preocupadas por resolver os seus problemas internos que en dar unha alternativa de futuro para a veciñanza deste concello”.
Nun encontro cos integrantes da candidatura, militantes e simpatizantes, puxo en valor o traballo realizado este mandato. “Vímolo durante estes catro anos: Foi o BNG quen puxo propostas en positivo encima da mesa, exercendo o liderado desde a oposición, con medidas concretas para resolver problemas concretos”.
Por iso, pediu o apoio da veciñanza “para o proxecto do Bloque que representa Chema Ferreiro, cunha candidatura que reúne experiencia e renovación, garantía real de que O Carballiño avance e mire con optimismo o futuro. Por iso estou convencida de que o BNG vai ter o apoio que lle permitirá ser unha forza nuclear, unha forza decisiva no concello tras as eleccións do 26M, e traballar para mellor esta vila que debe recuperar o protagonismo que merece na provincia”.
“Imos con forza para ser decisivos na próxima corporación municipal e coa confianza de ter un modelo municipal de éxito contrastado que queremos traslar tamén ao Carballiño. Con ese aval pido o apoio para o proxecto nacionalista tanto para o concello como para seguir mantendo unha voz propia en Europa da man da nosa candidata e actual eurodeputada, Ana Miranda”, concluíu.