O futuro do Porto da Coruña volverá ao debate parlamentario despois de que en maio o PP votase en contra da proposta do BNG con dous puntos: Esixir que o Estado asuma o 100% do financiamento de Punta Langosteira e que os terreos do porto interior pasen ao seu lexítimo dono, a cidade coruñesa-, unha vez sexan desafectados, derrogando tanto o convenio de 2004 como o protocolo do pasado abril, ambos asinados polo presidente da Xunta. Posición que manterá na Cámara no vindeiro pleno.
A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou a “coherencia” do BNG fronte aos “bandazos” de PP e PSOE que, -“como sucursais de forzas estatais”-, cambian de opinión segundo estean no goberno ou na oposición, e avanzou as propostas que proporá no Parlamento: Solicitar que @s congresistas elect@s por Galiza condicionen o seu apoio aos orzamentos do Executivo de Pedro Sánchez a un trato xusto coa Coruña e crear un foro de negociación que denominou Mesa do Porto.
“Pediremos na Cámara que os deputados e deputadas de PP, PSOE e Marea, -que en teoría defenden os intereses de Galiza-, condicionen calquera apoio aos orzamentos a que o Estado asuma o compromiso de financiar a totalidade do porto e de derrogar ese convenio de 2004 que hipoteca o futuro da Coruña”, explicou Pontón. “Debe abordarse o debate con seriedade e por iso pediremos a constitución dunha Mesa do Porto onde se sente Concello, Xunta, Estado e Autoridade Portuaria para que se formulen propostas serias e deixen o pim-pam-pum coa cidade”.
Pontón salientou que a discriminación do Estado co Porto da Coruña non empezou fai quince días, tendo en conta que non puxo un euro para Punta Langosteira mentres Xixón, Bilbao, Barcelona ou Valencia sumaron investimentos por importe de 5.000 millóns de euros. Por iso a dirixente do Bloque lanzaba unha pregunta ao presidente da Xunta, “cómplice necesario desa discriminación”.
“Que pasa se mañá o Goberno de Pedro Sánchez cambia de opinión e decide que non lle condona a débeda a Valencia, o señor Feixóo volve ao punto de partida de non reclamar nada para este país, volve parecerlle ben que o Estado non financie Punta Langosteira?”, interpelou, tras cualificar de “triste” o papel dun presidente “que só move o cu cando quedan ao aire as súas vergoñas porque outros conseguen resultados e el vota en contra das iniciativas do BNG en defensa desta cidade”.
Politiquería, cortoprazismos e pelotazos
O candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, criticou “o exceso de politiquería e o cortoprazismo” das forzas estatais “buscando rédito electoral en lugar de facer política con maiúsculas que é o que precisa A Coruña nunha cuestión vital”.
Neste sentido, Jorquera fixo un emprazamento á virtual candidata do PP Beatriz Mato para que poña a veciñanza da Coruña por diante dos intereses do PP.
“Que se aclare porque é candidata pero segue defendendo a vixencia dun protocolo que exclúe a cidade e segue contemplando a venda dos terreos do porto interior, a súa privatización para dar un gran pelotazo urbanístico a costa da fachada atlántica. Que poña os intereses da cidade por diante comprometéndose a renunciar ao protocolo e ao convenio”.
Desculpas de mal pagador
Tamén criticou as “desculpas de mal pagador “ do PSOE “porque non hai nada que xustifique que o Estado asuma a condonación da débeda de 350 M€ a Valencia pero se negue a pagar o porto exterior”. E, igualmente, reclamou ao goberno municipal que abandone as improvisacións e exerza o liderado que lle corresponde como executivo local.
“Que deixe de improvisar e exerza o liderado que lle corresponde, e para iso hai que ter unha posición clara e inequívoca reclamando do Estado o financiamento íntegro do porto. E deixar tamén declaracións ambiguas do alcalde porque A Coruña non pode pasar por menos do conseguido por Valencia”, reclamou Jorquera, que reclamou claridade tamén sobre os terreos do porto interior.
“Non se pode dicir que quere evitar que os terreos do porto interior se malvendan, porque o que hai que evitar é que se vendan, ben ou mal. Hai que preservar o patrimonio público da cidade”, salientou, ao tempo que demandou do goberno local que concrete o seu proxecto sobre os solares, que dea voz á cidadanía convocando a consulta acordada polo pleno e que emprace á Xunta e ao Estado a sentarse nunha mesa e negociar.