A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidatura do BNG ao Concello de Cambre nas eleccións municipais do 26 de maio, candidatura encabezada polo actual concelleiro de Cultura, Transporte e Mobilidade, Daniel Carballada, para o que pediu o apoio da veciñanza, pois representa, dixo, “un proxecto solvente capaz de conseguir que o concello avance”.
“Pido o apoio para o proxecto sólido e transformador para Cambre que representa o BNG da man do candidato Dani Carballada, unha alternativa que busca mellorar a vida das persoas poñendo no centro un novo modelo de cidade, apostando por un urbanismo de calidade, por unha mobilidade sostible dentro do concello e tamén na comarca e que aposta por recuperar a ría do Burgo, fonte de riqueza que debe ser rexenerada na súa integridade”, salientou a dirixente do Bloque.
Pontón puxo en valor o traballo desenvolvido pola formación nacionalista ao longo desta lexislatura, tanto do concelleiro responsable de Deportes, Brais Cubeiro, como do candidato, a quen definiu “como unha persoa nova, preparada e con experiencia que madurou neste concello, un candidato que conta cunha equipa preparada para facer de Cambre un lugar mellor para vivir”, proclamou.
Pola súa parte, o candidato pediu o apoio ao BNG o 26 de Mario a todas aqueles veciños e veciñas “que queren avanzar en igualdade e en calidade de vida, dende a esquerda real e transformadora, defensora do público". Carballada puxo en valor a candidatura nacionalista que definiu como “a casa común da esquerda real e transformadora” na que teñen cabida persoas de diversas sensibilidades.
“Persoas con procedencias diversas pero cun anhelo común: facer de Cambre un concello de primeira, con máis calidade de vida, cun urbanismo ao servizo da veciñanza e unha programación cultural e deportiva á altura dun dos municipios máis novos e dinámicos da comarca”.
Carballada tamén fixo fincapé en que a proposta do BNG prioriza a defensa duns servizos públicos de calidade “construídos sobre unha administración municipal que debe ser útil e áxil”, empezando por dispoñer de servizos socias “que respondan ás demandas das persoas residentes”.
Neste sentido, o candidato nacionalista subliñou que o 26M é unha oportunidade “para pasar páxina e escribir un nova capítulo da historia colectiva de Cambre e quen mellor pode escribir esas liñas son os homes e mulleres que integran a candidatura do BNG, que representamos un proxecto aberto, integrador, diverso e plural ao servizo da maioría social desta vila, e con ideas claras para marcar o camiño do Cambre do futuro”, concluíu.
Acompaña a Carballada como número dous o actual concelleiro de Deportes, Brais Cubeiro, nunha candidatura que está aberta a novas incorporación pero que xa suma a persoas independentes do tecido asociativo como Nieves Louro, Ana Fragoso ou Rodrigo Rodríguez Seoane, ou a persoas de longa traxectoria política como Marité Prieto.