Unha vez levantado o veto ao debate da Lei de transferencia da AP9, -cuestión de elemental democracia para o BNG-, a portavoz nacional e impulsora da lei, Ana Pontón, salienta que a clave para conseguir a xestión galega desta infraestrutura está na posición que manterá o Executivo do Estado.
“Que unha lei aprobada no Parlamento se poda debater no Congreso é o abc da democracia, agora o relevante é saber cal vai ser a posición de voto do Goberno e do PSOE. Sánchez ten aclarar se vai votar a favor da transferencia ou vai manter o continuísmo das políticas de Raxoi de boicot, que só trouxeron peaxes máis altas”, interpela a dirixente do Bloque. “ É o que ten que aclarar Sánchez e o PSOE, se cando se debata a lei van apoiar a transferencia como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes”.
Dado que a lei galega acumula un retraso de dous anos polo veto do PP, “con mentiras, con ilegalidades, –como determinou o Tribunal Constitucional-, e con abuso de poder por parte do anterior goberno do Estado”, denunciou Pontón, o BNG pide que esa demora sexa tida en conta á hora de fixar data de debate no Congreso, que debería ser neste mesmo período de sesións.
Outra vía para sortear a demora é empezar a negociar no seno da comisión bilateral de transferencias Xunta- Estado. “Se o goberno de Sánchez ten vontade de ceder a xestión pode activar a negociación na comisión mixta de transferencias para que non perdamos máis tempo”, alegou a dirixente nacionalista.
Pontón recalca que se trata dunha infraestrutura vital para o país cuxas elevadas peaxes penalizan a competitividade das empresas e supoñen un lastres para as economías das persoas usuarias, que non teñen alternativa razoable en tempos e seguridade a esta vía, concluíu.