A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou Sarria, a súa vila natal, para apoiar ao candidato á Alcaldía, Efrén Castro, e ao resto de persoas da lista do BNG, nun reparto electoral pola vila que aproveitou para pedir o apoio da veciñanza o proxecto nacionalista e conseguir que Castro lidere o próximo goberno municipal.
“Temos un proxecto claro para Sarria, por iso quero pedirlle a todos os veciños e veciñas un apoio claro para a candidatura do BNG, solvente, preparada para gobernar, formada por persoas con experiencia que coñecen ben a vila”, argumentou. Aposta polo comercio local, aproveitar o potencial da zona rural do municipio, desenvolver espazos públicos de calidade ou a avanzar na peonalización son algunhas das cuestións do proxecto do Bloque para Sarria, explicou.
A líder nacionalista puxo como aval o eficaz traballo de Efrén Castro e Mónica López, no pasado mandato, exemplo do bo facer do BNG desde os goberno municipais, “demostraron que con proxecto, con ideas e con entrega é posible mellorar a vida das persoas desde os concellos”, salientou Pontón. Pero é momento “de dar un salto adiante, para poder desenvolver o proxecto do Bloque con todo o potencial liderando o goberno municipal de Sarria tras o 26M”.
A presenza do Bloque no goberno local “foi un estímulo en materia de benestar social, cultural e de igualdade, pero para que Sarria siga avanzando e o faga con forza é preciso un liderado claro do BNG tras as próximas eleccións municipais e estou convencida de que a veciñanza dará o seu apoio a un proxecto que ten demostrado que é posible unha Sarria con dinamismo cultural, económico e social”.
Pontón destacou o modelo municipal que funciona que ten o BNG, como demostra en Ribadeo, Muras ou Pobra do Brollón, que quere estender pola provincia.
Concentrar o voto no Bloque
“Sarria precisa unha alcaldía forte e o mellor candidato é Efrén Castro, e por iso pedimos concentrar todo o voto nacionalista e progresista na candidatura do BNG, porque temos unha formación sólida, unida, cun proxecto cohesionado e un equipo que se presenta para mellorar a vida da veciñanza”, indicou Pontón.
“Estou convencida de que o traballo destes anos, a rigorosidade, a capacidade de diálogo vai ser valorada pola veciñanza de Sarria, porque estamos nun momento no que se vai necesitar moito diálogo, moita man tendida e moito empuxe para darlle un futuro mellor aos veciños e veciñas deste concello”, concluíu.
Pola súa parte, o candidato destacou as políticas desenvolvidas polas áreas de goberno do BNG, sobresaíntes en materia de igualdade, cultura e deporte, “traballando man a man co tecido asociativo da vila”. Tamén puxo o acento no desenvolvemento urbanístico “que marcará a Sarria do futuro”, e aposta por un urbanismo que coloque as persoas no centro para dar calidade de vida á veciñanza.
Castro salientou que a candidatura que lidera destaca “pola súa capacidade de traballo e por ter un proxecto claro para esta vila”, concluíu.