- A submisión de Feijóo aos intereses de Rajoy ten un prezo: 442 millóns de euros menos para Galiza
- Lamenta que as prioridades do PP sexan incrementar o gasto militar e a asignación á Casa Real mentres se consolidan os recortes
A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou o proxecto de orzamentos do Estado de “discriminatorio” con Galiza que perde 442 millóns de euros en investimentos, -o segundo maior recorte na distribución territorial de todo o Estado-, “pese a ternos un grave retraso en infraestruturas ferroviarias e equipamentos sociais”.
Nunha primeira valoración de urxencia Pontón considera que este recorte de Rajoy “é unha labazada na cara de todos os galegos e galegas que merecemos ter un trato xusto nos orzamentos do Estado, e é tamén a proba do custe moi elevado que ten para Galiza a submisión de Feijóo a Madrid e a súa falta de peso político”.
A dirixente do Bloque tamén chama a atención sobre o feito de que precisamente nos orzamentos nos que se prevé un record de recadación con 200.963 millóns de euros, cifra previa a antes da crise, Galiza reciba menos. “Non deixa de ser un paradoxo que xusto o ano que se nos di que vai haber unha grande recadación, que vai haber máis recursos, o que se nos ofreza sexa máis recortes. Pagamos máis impostos ao Estado e recibimos menos, recibimos recortes, discriminación, un agravio”, argumentou.
Cos datos coñecido hoxe, Pontón tilda de “desatino” a visita propagandística da vicepresidenta do Goberno do Estado, “que veu a Galiza a tomarnos o pelo nun exercicio descarado de propaganda con Feijóo como palmero incapaz de defender os intereses do noso país”.
A realidade, reiterou, é que a “submisión” do presidente da Xunta a Rajoy “está a ter un custe moi alto cunha cifra que hoxe coñecemos: 442 millóns de euros menos o que se traduce en retrasos, incumprimentos e agravio co noso país”.
En relación á valoración global do proxecto de orzamentos, Pontón considera que consolidan o modelo de recortes e da desigualdade, alarmante que recorten os fondos en desemprego e, pola contra, sube a partida para a Casa Real e a partida en gasto militar.
“Supoñemos que Rajoy responde así a chamada de Donald Trump de incrementar a aportación para a OTAN. Estou convencida de que a maior parte dos galegos e das galegas pensan que os seus cartos estarían mellor investidos en educación, sanidade, servizos públicos e non en seguir alimentando o militarismo ou a familia real española”, alegou a dirixente do Bloque.
En definitiva, “uns orzamentos que discriminan a Galiza, que manteñen un modelo de desigualdade social e que deixan en evidencia o prezo da submisión de Feijóo, mentres os gobernos vasco e catalán negocian e fan valer os seus votos e o peso da súa representación como país, aquí temos ao presidente da Xunta entregado a defender o indefendible, todos os recortes que queira impoñernos Rajoy”, concluíu.