- Como presidenta da Xunta proclámase disposta a insubmisión: “Pagar medicamentos que salvan vidas en lugar do déficit de banqueiros ruíns aínda que me custe a inhabilitación”
- “Somos a candidatura que confía no país e temos a coraxe para facer algo diferente” recalca nun acto ante medio millar de militantes e simpatizantes coa presenza d@s cabezas de lista provinciais
A candidata á Presidencia da Xunta proclamou en Rianxo que o BNG é a candidatura que confía en Galiza, “sen tutelas nin sucursalismos” e as últimas entregas do “espectáculo” da política estatal reafirman que o futuro á dereita de Feijóo “está na alternativa nacionalista”.
“Reconversións navais, crise láctea, despece da frota, Prestige, Ence, Gürtel e agora Soria premiado no Banco Mundial!”, enumerou Pontón, “para que isto cambie temos que facer algo diferente e confiar neste país, porque o 25S é imprescindible derrotar á dereita pero con iso non chega, é preciso un cambio estrutural como o que representa o BNG, que dea solucións a Galiza de hoxe”, proclamou ante medio millar de militantes e simpatizantes en Rianxo.
“Estamos nunha situación de emerxencia que require algo máis que parches ou un simple cambio de xestores. É o momento da política ao servizo do pobo, e no BNG temos programa, ambición de país, un proxecto sólido e con experiencia no que os galegos e galegos poden confiar”, salientou, apelando ao aval de anos de traballo en defensa de Galiza.
A candidata á Presidencia instou a non perder tempo falando de quen a partir do 25S vai ser o pasado, “é de sobra coñecido e non o digo só porque durante estes sete anos saíra máis no telexornal que os presentadores”, ironizou. “O candidato do PP é coñecido porque levamos sete anos sufrindo o deterioro das condicións de vida e dos servizo públicos”. Por iso, hai que abrir un tempo novo facendo algo tan diferente como crer no país.
“Crer no país significa apostar por que as galegas e os galegos vivamos e traballemos con dignidade aquí e sexamos cada vez máis libres. Libres para non ter que aturar salarios de miseria, libres para non ter que emigrar, libres para decidir a quen amar, libres para non ter violencia de xénero, libres para pasar a páxina dos recortes”.
Neste sentido, Pontón amosouse disposta a practicar a insubmisión con aquelas leis que causan dor e sufrimento, coas normas que prexudican a vida das persoas.
Estado e Estatuto anémicos
“Se tivese a honra de ser presidenta de Galiza nunca, nunca permitiría antepoñer o control do déficit á vida das persoas e aos seus dereito. E se me inhabilitaran porque prefiro pagar un medicamento que salva vidas en vez de pagar o déficit cero de banqueiros ruíns o recibiría como o mellor premio que pode ter a presidenta dunha nación”.
Tras 30 anos dun Estado e dun Estatuto “anémico”, no que as decisións se tomaron desde Madrid e Bruxelas, Pontón reivindicou “máis poder político” para resolver os problemas de fondo, -decadencia demográfica, despoboamento, paro, crise estrutural dos sectores produtivos-. “Poder político para decidir na economía produtiva, para xerar emprego, elevar os salarios e as pensións, blindar os servizos públicos, recuperar á mocidade emigrada e para defender a lingua e cultura”.
Un maior poder político que se traduce en catro aspectos chave.
Máis poder político
En primeiro lugar, xestión do 100% dos impostos e do aforro a través dunha facenda e dunha banca galegas. “Conseguiríamos máis recursos para crear emprego, blindar os servizos públicos e o benestar social”, alegou a candidata. En segundo lugar, competencias plenas para aplicar unha política de promoción económica “a medida dos nosos sectores produtivos, non das transnacionais, e poñer o país a producir”.
Igualmente, xestión en exclusiva dos servizos públicos ligados ao benestar, para dar adecuada cobertura ás necesidades da maioría social deste país e, por último, máis poder político para impulsar os sinais de identidade como nación e como pobo: lingua, cultura, patrimonio.
Pontón instou a aproveitar o 25S para abrir un tempo novo, que inclúa tamén a “feminización” da política, “porque as mulleres estamos cansas de paternalismos, con igualdade real”, e ese tempo novo “só pode vir da man do BNG”.
Nun momento, ironizou, no que se banaliza a política, o proxecto do Bloque “é sólido, con principios e valores, con proxectos solventes e experiencia acumulada que é garantía de que o cambio vai ser real”, salientou, ao tempo que expresaba o orgullo de pertencer a unha forza política que sempre estivo ao lado de Galiza, desde as loitas de Xove ata o Nunca Máis.
O acto ante militancia e simpatizantes contou tamén coas intervencións dos e das cabezas de lista provinciais, Xosé Luís Rivas, Mini, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará, que coincidiron en salientar que o cambio real tras o 25S virá da man do BNG, que será chave na derrota de Feijóo.