Ana Pontón: “Levaremos ao Parlamento unha iniciativa para rehabilitar o Barrio da Milagrosa de Lugo”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón visitou hoxe o barrio da Milagrosa, na cidade de Lugo, acompañada da deputada por esta provincia,  Olalla Rodil, os concelleiros, Rubén Arroxo, e Maite Ferreiro e o Presidente da Asociación de Veciños e Comerciantes, Valentín Áreas.

A visita de Pontón ao barrio da Milagrosa  responde á necesidade de recuperar os barrios  a través de políticas sociais  e plans  de rehabilitación  así como a aposta polo comercio local e de proximidade.

Tras percorrer  o barrio, a portavoz nacionalista avanzou que o BNG presentará unha iniciativa no  Parlamento galego para poñer en marcha “un área de recuperación e rexeneración integral urbana”   dun barrio que cualificou de  “emblemático da cidade de Lugo” pero afectado gravemente polo  deterioro debido ao seu abandono. “Esta iniciativa, dixo, é necesaria para recuperar os espazos públicos para a cidadanía e para facer da cidade de Lugo un lugar máis habitable”. O barrio da Milagrosa conta cun gran potencial pero hai que poñer os focos, explicou, sobre os problemas para actuar en dúas direccións, “a recuperación urbana e unha intervención social”. Nestas accións, a Xunta e o concello teñen unha responsabilidade  e concretamente a Xunta, recortou “nun 30%” os fondos para rehabilitación urbana e non podemos permitir que os nosos barrios se sigan deteriorando, denunciou.

Noutros puntos da cidade como no barrio do Sagrado Corazón leváronse a cabo accións para mellorar o espazo e neste caso tamén é preciso facelo. Hai que  poñer en valor o barrio da Milagrosa e  as administracións públicas deben implicarse para  frear o abandono e deterioro deste barrio.   

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG