A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita a praza de abastos de Redondela para reclamar medidas contra a escalada de prezos da alimentación, que esconde un alto grado de especulación, e provocando que ter unha alimentación saudable sexa un luxo. Ante esta situación, o BNG propón IVE cero para os alimentos que conforman a cesta básica das familias.
Para defender unha saída “xusta e galega” á crise é necesario “unha gran mobilización social” e, nese sentido, Pontón insta á cidadanía a participar na manifestación convocada polo BNG para este domingo 18 en Santiago, “para que se tomen medidas de calado que eviten que unha minoría se enriqueza mentres unha minoría o está pasando mal, para controlar a especulación, para que se axude ás persoas que peor o están pasando con medidas como a recuperación da tarxeta básica ás familias precisamente para a compra de alimentos”, destacou Pontón.
Porque se en algún sector se está cebando a inflación é a alimentación, xerando un descontrol de prezos que o BNG considera urxente atallar.
“Hai que actuar porque a especulación coa alimentación está provocando unha gran desigualdade e non é de recibo que as grandes distribuidoras estean aumentando os seus beneficios, mesmo cando se producen prácticas especulativas como as que están denunciando diversos organismos advertindo de incrementos do 200% no prezo de determinados alimentos”, argumenta a portavoz do Bloque.
Por iso, a formación nacionalista reclama medidas para evitar que “comer carne, peixe ou froita sexa un luxo só ao alcance dunha minoría”.
E nun contexto de descontrol de prezos na alimentación, “é de sentido común”, -indicou Pontón-, que de maneira temporal os produtos que conforman a cesta básica da compra teñan un IVE cero. O Bloque tamén propón aumentar o número de alimentos con IVE súper reducido, “para axudar ás familias que o están pasando moi mal e que viven unha situación difícil”, subliña a líder do BNG.
As propostas nacionalistas tamén inclúen a modificación da Lei da cadea alimentaria para evitar a especulación cos alimentos de primeira necesidade, “porque o dereito a ter unha alimentación san debe estar por riba do beneficio empresarial”, alega Pontón.
Igualmente, defende a creación dun Observatorio galego de prezos, que determine como se conforman os prezos ao longo de toda a cadea de valor para detectar a especulación e corrixila. E actuar para que os que máis ganan nesta crise aporten máis, e iso inclúe á banca e ás eléctricas pero debe incluír tamén á gran distribución.
En definitiva, evitar os “erros do pasado” e evitar que “os de sempre paguen a crise mentres os de sempre se enriquecen”, concluíu Pontón desde Redondela, onde realizou unha visita a diferentes comercios da localidade así como á praza de abastos dentro da campaña de apoio ao comercio de proximidade que desenvolve ao BNG baixo o lema Mellor local, mellor galego, animando a apostar polo pequeno comercio e polo produto do País nesta época do ano de gran consumo.