A portavoz nacional, Ana Pontón, declarou desde Ourense que o BNG ten un modelo municipal que funciona en contraste coa política fracasada do PP que ten como exemplo paradigmático a cidade das Burgas,“paralizada pola incompetencia” do Goberno popular e no que a oposición tampouco estivo á altura.
“Do 1 ao 25, ningún debería repetir”, sintetizou Pontón en relación á corporación, ofrecendo como alternativa o proxecto en positivo “solvente, renovado e coa man tendida” do BNG, que representa a candidatura que lidera Luís Seara. Nunha visita á praza de abastos da cidade das Burgas, a líder nacionalista avanzou que o Bloque “entrará con forza no Concello o 26M para abrir un tempo novo en Ourense, e sacar a cidade dunha parálise que paga a veciñanza”.
“O BNG ten un gran candidato e ten un proxecto claro para darlle futuro á cidade e abrir un tempo novo, por iso estou convencida de que imos entrar con forza no Concello e lograr que Ourense recupere pulso, cun proxecto que aposta pola economía local, capaz de transformar e mellorar a vida das persoas”, recalcou.
“Ofrecemos unha alternativa en positivo a todas as persoas que queren construír un Ourense mellor, con dinamismo económico e social, un Ourense que mire ao futuro con optimismo”, argumentou Pontón. “Temos unha gran candidato cun excelente equipo e un proxecto para abrir un tempo novo nesta cidade, por iso imos a por todas o 26M, con forza, coas ideas claras e con ilusión para traballar pola veciñanza desta cidade desde o concello”.
Convencida do “salto adiante” do Bloque e “para ser o motor do cambio” na cidade, a dirixente nacionalista apela a toda a veciñanza “defraudada que quere deixar atrás políticas fracasadas como ás do PP, cuxa incapacidade tivo como máximo expoñente a imposibilidade de sacar adiante nin un só orzamento en catro anos, un PP que en lugar de aportar dinamismo foi un atranco. O BNG é a alternativa capaz de devolver sensatez e un rumbo claro á cidade”, concluíu.
Cidade estratéxica
O candidato á Alcaldía, Luís Seara, destacou que non é casual que o primeiro acto de campaña da portavoz nacional fose en Ourense: “É unha mensaxe clara de que o BNG considera Ourense como estratéxico é prioritario e queremos dicirlle á veciñanza que imos a por todas, que non renunciamos a nada e queremos ser determinantes no vindeiro mandato municipal”.
Seara tamén destacou que tampouco foi casual elixir a praza de abastos, senón a maneira de subliñar que a candidatura que encabeza considera clave o comercio local, “porque humaniza a cidade, xera emprego de calidade e evita a desertización dos nosos barrios” indicou Seara.
Pasarela peonil e outras propostas
Entre a batería de propostas para este sector, destacou a apertura da Praza de abastos da Ponte, “porque despois de investir máis de 2M€ leva pechada catro anos, algo inaudito porque debería ser un elemento dinamizador no barrio da Ponte”. A segunda proposta anunciada por Seara prevé “a reordenación, reurbanización e modernización do espazo que rodea á praza de abasto, -espazo Rianxo-, e a finca do xardín das Burgas onde o BNG propón un espazo balneario”.
Medidas tamén para facilitar a mobilidade, “abrindo a praza de abastos ao resto da cidade, a Santo Domingo e ao casco histórico a través dunha pasarela peonil que conecte a parte leste da praza coa ponte Murallón”.
Aposta por promover as feiras e mercados tradicionais e a chamada feira do 21, poñer en valor a calidade dos produtos de proximidade, recuperar a proposta Come Ourense e celebrar unha gran feira anual de produtos ecolóxicos e de calidade. Igualmente, poñer en marcha un plan de emprego impulsado polo BNG con medidas específicas para o comercio con liñas de crédito a interese cero.
“Como vedes, Luís Seara ten propostas en positivo para esta cidade e por iso o BNG vai entrar con forza no Concello e vai abrir un tempo novo en Ourense”, salientou Pontón.