A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou na súa visita oficial a Carballo que o BNG, -“man a man” co Goberno municipal que lidera Evencio Ferrero-, vai levar ao Parlamento as demandas estratéxicas do concello, tendo en conta que a Cámara galega vai iniciar o debate dos orzamentos da Xunta para o próximo ano. O obxectivo é que as contas públicas recollan as peticións de investimentos que o Executivo local reclama para o concello.
“Imos darlle voz a Carballo no Parlamento especialmente durante o debate dos orzamentos para 2019, toda vez que Feixóo ten demostrado que non inclúe entre as súas prioridades atender a este concello que é, ademais, cabeceira da comarca de Bergantiños”, salientou a dirixente do Bloque. Para Pontón, a falta de compromiso de Feixóo queda patente no feito de que durante os nove anos do seu mandato, o Executivo do PP non tivese levado a cabo ningún investimento relevante no municipio, nin en infraestruturas, nin en solo empresarial, nin en servizos.
Pontón considera que “non é de recibo” que seis meses despois de recibir un documento do rexedor coas prioridades do Concello, Feixóo “non teña dado unha resposta a esas demandas”, que serán levadas ao Parlamento pola formación nacionalista.
Entre esas prioridades que o BNG levará á Cámara está dotar a Carballo de máis solo empresarial, tendo en conta que o Polígono industrial de Bértoa ten adxudicadas o 80% das parcelas, e tendo en conta tamén que a única ampliación foi realizada polo BNG desde a Xunta. Unha demanda compartida polos empresarios e empresarias da comarca, cos que Pontón e Ferrero mantiveron un encontro na sede da Asociación de empresarios do Polígono de Bértoa.
“Non se pode poñer en risco nin un só investimento, nin unha soa empresa, nin un só posto de traballo en Carballo e na comarca polo feito de que a Xunta careza de iniciativa e de planificación. A inacción do Goberno de Feixóo neste campo é unha temeridade”, indicou Pontón, “hai que poñerse a traballar na ampliación do Polígono de Bértoa xa”.
Non é a única demanda estratéxica que o BNG defenderá no Parlamento para que teñan reflexo nos orzamentos de 2019. Recollendo as proposta do goberno local, abordará na Cámara a circunvalación, imprescindible para aliviar o tráfico mesmo de vehículos pesados que hoxe cruzan a vila e darlle unha alternativa áxil cara o sur de Galiza comunicando con Santiago, Pontevedra e Vigo. “Ten que haber un compromiso claro nos orzamentos do próximo ano para esta variante”, subliñou Pontón.
Man a man co goberno local
Ademais, a humanización da travesía AC-552 para convertela no que realmente xa é de facto unha vía urbana. Tamén desenvolver as infraestruturas necesarias para abastecer de auga á costa, como é o caso de Razo e Baldaio, unha cuestión para a que existía unha dotación nas contas da Xunta de 2009 pero que non se executou e nunca máis se recuperou. Por contra, o Concello está investir en solitario 1,7 millóns de euros para levar a auga ao litoral do municipio.
E, como quinta prioridade, evitar as inundacións derivadas da enchentes do Río Anllóns ao seu paso polo centro do concello.
“A Xunta ten que implicarse e cumprir coas súas competencias”, advertiu a portavoz nacionalista, quen recalcou o compromiso do grupo parlamentario do BNG “para ir man a man co Goberno de Carballo” para sacar adiante as demandas estratéxicas deste municipio. Un concello que, en declaracións do rexedor, non está a recibir por parte do Executivo de Feixóo o trato que lle corresponde.
“Non ten a Carballo entre as súas prioridades e ten que corrixir o trato que lle está dando a este concello que, ademais, é cabeceira de comarca”, instou Ferrero.
Durante a visita institucional, Pontón proclamou o seu “orgullo” polo traballo realizado polo alcalde nacionalista e por toda a súa equipa de goberno. “Son un exemplo de que a política, se tes un proxecto claro, serve para mellorar a vida das persoas”, recalcou.