Galegas 2020

Ana Pontón: “Imos dar a sorpresa e Galiza vai ter unha presidenta”

“Ni absolutismos, nin sucursalismos, é tempo de ter un goberno libre para defender este país liderado por unha muller e nacionalista”, proclama

Acto masivo dun BNG que está preparado para gobernar cun proxecto sólido, solvente e de fiar capaz de poñer en marcha unha nova Galiza

Un millar de militantes e simpatizantes abarrotaron o Pazo de Congresos de Santiago -de feito o aforo quedouse pequeno e a portavoz nacional, Ana Pontón, tivo que dirixirse a 300 persoas noutra sala antes de empezar o acto-, para arroupar aos candidatos e  candidatas ás eleccións do 5A, nunha convención nacional que se desenvolveu nun ambiente de forza e entusiasmo  e un auditorio que recibiu á portavoz nacional cunha gran ovación e coreando  “presidenta, presidenta”.

Unha intervención na que Pontón deixou claro que o 5A vai haber cambio real liderado polo BNG, a única alternativa cun proxecto de país.

“Quero dicirvos que sinto que o BNG vai dar a campanada, que imos ser a gran sorpresa do 5 de Abril e que o BNG vai a acadar, por primeira vez na historia, que unha muller e nacionalista sexa presidenta da Xunta para liderar o cambio galego”, proclamou, para a continuación detallar todos os argumentos que están detrás desa afirmación.

                                                                                                                                                                                                                                                        “O Bloque vai liderar o cambio galego porque hai unha maioría social que quere un goberno que defenda este país sen ataduras, que quere poñer en marcha todas as nosas potencialidades, unha maioría convencida de que nos iría mellor confiando en nos mesmas fronte a forzas cos centros de decisión en Madrid; porque hai unha maioría que nos ve preparad@s para gobernar porque nos concellos que lideramos somos os mellores e temos políticas transformadoras”, explicou Pontón.

O cambio real vai estar protagonizado polo BNG, afondou a candidata nacionalista, “porque hai unha maioría social que sabe que temos un proxecto sólido, solvente, de fiar fronte ás promesas vacuas e incumpridas das forzas estatais, e esa maioría quere solucións serias para mellorar o noso futuro, unha maioría que sabe que somos unha forza humilde pero digna, unha forza política que mira cara a adiante, que recoñece os seus erros e aprende deles para mellorar”.

E con esa maioría social, que medra cada día, o Bloque sae a por todas o 5A para abrir un tempo novo e deixar atrás a década de desfeita do goberno do PP. “Feijóo é pasado, por moito que esconda as siglas do PP, e non vou perder tempo en contestarlle as súas matracas e as súas realidades paralelas”, ironizou Pontón. Por contra, fronte a un goberno “absolutista e inútil” do PP, asegurou que unha Xunta presidida polo BNG “será un exemplo de bo goberno, con impulso, con ideas, con solucións e con capacidade para levalas á práctica”.

Cualificación, valores e principios

A líder nacionalista declarou sentirse “preparada” para asumir a responsabilidade de liderar o cambio real, para facer historia e converter en “éxito rotundo” o feito de ter a primeira muller presidenta de Galiza. Neste sentido, apelou á confianza que aportan unhas candidaturas “con persoas de cualificación extraordinaria, con valores e principios. Ter un equipo tan impresionante faime sentir máis forte, máis segura e máis preparada para afrontar con éxito a Presidencia da Xunta”, recalcou.

“Temos os e as mellores e temos un proxecto colectivo, aberto e xeneroso, un proxecto común para este país”, recalcou, para dar carpetazo a un Feixóo que en campaña electoral interpreta o papel de “militante de Galicia” pero despois actúa ao ditado do seu xefe de filas.

Alternativa á desilusión

“Actuou todos estes anos como un mandado e agora non cola a súa interpretación de Galicia primeiro, é demasiado basto”, alegou, tras alertar contra o “virus da desilusión e da resignación que pretende inocular un Feixóo autoproclamado como única alternativa. Si hai alternativa, a do BNG”.

“Non son tempos nin de absolutismos, nin de sucursalismos, basta de subordinación a Madrid, basta de gobernos dirixidos co mando a distancia desde Génova ou Ferraz. E hora de Gobernar Galiza, desde Galiza, é o momento de ter un goberno sen mordazas, sen ataduras liderado por unha muller, feminista, nacionalista coas mans libres para defender este país”, proclamou.

Encontro nacionalCapacidade, recursos, potencial

Pontón salientou que Galiza é moito si, moito máis que un slogan “usado sen pudor por quen non cree no país”.  “Somos un país con capacidades, recursos e potencial para construír un futuro prometedor, basta decidir desde aquí as nosas políticas, tomar libremente as nosas decisións. O 5A vai diso: do noso futuro, de acreditar en nós, de ter esperanza, de poñer en marcha unha nova Galiza. No BNG amamos este país e sabemos defendelo e facelo avanzar”, recalcou.

A candidata nacionalista retratou unha Galiza ambiciosa que quere producir, investigar,  innovar e traballar; unha Galiza acolledora, na que vivir e traballar con empregos de calidade e con bos servizos públicos; un país plural e rico se logra facerse valer e ter voz propia para decidir sobre os propios recursos, aforro, impostos ou política industrial.

Un país moderno e diverso e máis relevante no mundo cando mostra con orgullo a súa identidade, “e no BNG defendemos a nosa lingua e a nosa cultura fronte a un PP cada vez máis centralista e provinciano”. “Galiza é moito, moito máis, moitísimo máis que o país bonsai que representa Feixóo”, subliñou.

“A esa Galiza real, viva, plural, mobilizada e con ganas de cambio é á que hoxe lle quero dicir que o 5A hai que abrir un tempo novo con decisión, con ilusión e con confianza no futuro”, concluíu.

Sabor amargo a eucalipto

O candidato por A Coruña, Xosé Luís Rivas,  explicou as medidas para darlle futuro ao rural.  “O deseño do PP para o rural sabe a caramelo amargo de eucalipto, a fume de incendios e porco bravo destruíndo os poucos cultivos de horta que nos quedan”. Fronte a isto “queremos crear emprego e fixar poboación con políticas transformadoras para un  rural vivo e  sostible e para iso urxen políticas para garantir servizos de calidade industria transformadora e camiñar cara a soberanía alimentaria”.

Traballo digno para a xente moza

Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo, deixou claro que un goberno liderado polo BNG terá como prioridade darlle un futuro á xente moza: “é intolerable que a miña xeración e mesmo a que xa nos precede teña que elixir entre precariedade ou emigración, cando vivimos nun país rico”. “Traballo digno e servizos que permitan conciliar son as ferramentas para darlle un futuro á xente moza, e para que volvan @s que tiveron que coller as maletas”, resaltou. Rodil tamén destacou que este é “tempo de mulleres”, e que a loita pola igualdade será “bandeira” dun goberno que vai estar presidido por unha “muller feminista”, concluíu.

Revitalizar a industria

A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, sinalou o esmorecemento da industria por un modelo neoliberal “afastado dos intereses do país e das súas maiorías sociais”. “Temos a metade da gran hidráulica do país, ríos e terras desfeitas polos encoros, somos a galiña de ouro para as eléctricas” destacou Presas. O 5A “temos a oportunidade de abrir unha nova páxina dándolle a volta á situación e lograr que estes país se beneficie da súa riqueza”.

Paixón, orgullo e convencemento

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, apelou ás emocións e ao orgullo de pertencer a unha organización con “paixón, amor pola nosa terra e o noso pobo, con corazón, con afouteza, con convicción e con determinación”. Bará destacou que cando o PP fala da posibilidade de que goberne o BN, “danos unha enorme motivación”. “Sabedes por que teñen medo? Porque temos soños, porque temos un proxecto transformador para a maioría social, porque somos a voz da esperanza e do futuro deste país”, subliñou, tras instar á mobilización para “saír a por todas”.

O acto, presentado polo dramaturgo Quico Cadaval, tamén contou coas intervencións da portavoz municipal Goretti Sanmartín, do número dous por Lugo, Daniel Castro, da número tres por Pontevedra, Alexandra Fernández, e da número catro por A Coruña, Rosana Pérez.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG