A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou en Santiago que “Galiza xógase moito” nas eleccións europeas, de aí a importancia de “estar alí con voz propia, libre e sen ataduras para defender aos galegos e ás galegas”, recalcou na tradicional pegada de carteis da campaña electoral ao Parlamento Europeo xunto á candidata, Ana Miranda, e á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
Pontón explicou que o BNG concorre á cita coas urnas o próximo 9 de xuño coa máxima implicación e coa máxima ilusión a polo escano galego, dende a convicción de que a candidatura do BNG é a candidatura de País, a que todos os galegos e galegas poden sentir como propia porque o escano nacionalista foi sempre moito máis que o escano dunha forza política, “foi o escano galego, o escano de País, e así vai seguir sendo con máis forza que nunca tras o 9 de xuño”, afirmou.
“Somos o equipo da casa, o único que vai defender as cores de Galiza dende a razón e o corazón e con toda a nosa forza porque a nosa única lealdade é cos galegos e coas galegas”, proclamou en alusión a un “Partido Popular que mira cara a Madrid, cada vez máis centralista e máis ultra”.
Fronte a un PP de Alfonso Rueda cuxa lealdade está “na rúa Génova, co lobby eléctrico, coas súas empresas amigas e coas multinacionais que queren colocar unha bomba ambiental no corazón do rural”, a líder nacionalista situou a un BNG cuxa única lealdade é “cos galegos e coas galegas”.
Por iso, apelou a unha gran mobilización o 9 de xuño para reforzar o escano galego do Bloque da man de Ana Miranda que, segundo subliñou, servirá para defender os intereses do País en Bruxelas, pero tamén para contribuír á construción doutra Europa posible.
“A Europa dos pobos e non dos lobbys, unha Europa social que avance en dereitos e reforce servizos públicos e que contribúa a construír un mundo máis xusto e en paz”, asegurou logo de apelar ao “papel fundamental” que debe xogar a Unión Europea para frear o xenocidio de Israel sobre o pobo palestino.
A líder nacionalista augurou que o PP repetirá “a mesma campaña sucia das eleccións galegas”, coa mesma estratexia da mentira, do insulto e da crispación” e confirmou que, ante este xeito de facer política “enlamando o debate”, o BNG responderá cunha campaña en positivo, 100% galega, centrada nos problemas da cidadanía e nas propostas para defender os intereses do País, a única campaña “que merecen os galegos e as galegas”. “Os galegos e as galegas merecen ter unha voz propia e libre que os represente e defenda en Bruxelas, a voz do BNG da man de Ana Miranda”, incidiu para rematar a súa intervención.
Pola súa parte, Miranda puxo o traballo feito polo BNG en Bruxelas na defensa do País como aval para pedir o apoio dos galegos e das galegas na cita coas urnas do 9 de xuño e reafirmou o compromiso da candidatura coa defensa dos sectores produtivos, das infraestruturas, do feminismo, da mocidade e do ecoloxismo.
Neste sentido, recalcou que o escano nacionalista non só servirá para defender os intereses galegos en Europa, senón tamén para defender os sectores públicos e loitar contra o fascismo.
“Votar BNG é garantir na Eurocámara unha voz nacionalista e de esquerdas”, afirmou para apelar ao apoio de todos os galegos e galegas que desexen ver defendidos os seus intereses e, ao tempo, contar cunha “voz firme na defensa dos intereses sociais”, concluíu.