- A candidata do BNG, Ana Pontón afirma que a alternativa de cambio é o BNG e o nacionalismo, unha alternativa que confíe nas potencialidades de Galiza e acredite en que os galegos e galegas podemos seguir adiante. Esa candidatura é a do BNG, o seu proxecto, o seu programa e persoas con valentía para enfrontar os cambios necesarios neste momento.
Nunha visita realizada ao concello de Poio, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón manifestou que Galiza non necesita un goberno en fuga como tivemos estes sete anos e que a alternativa de cambio "é o BNG cun proxecto, programa e persoas con valentía para enfrontar os cambios necesarios neste momento".
Ana Pontón, acompañada do cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará mantivo unha xuntanza cos e coas concelleiras de Poio na que tamén estaba prevista a presenza do alcalde, Luciano Sobral que por problemas familiares non puido asistir. Ante os medios de comunicación, a candidata nacionalista, tras amosar o seu amosou seu apoio ao alcalde lembrou que ante outras opcións políticas, o BNG sempre cre que hai que mirar para diante e coa solvencia dunha organización na que os galegos e galegas poden confiar porque saben que o BNG sempre vai a estar ao lado de Galiza e da defensa dos seus intereses como demostra, explicou, a experiencia de centos de concellos nos que ten representación e máis de trinca alcaldías que representan goberno ao servizo da xente deste país e con capacidade de transformación, impulso e políticas innovadoras.
A candidata afirmou que o BNG conta cun programa pensado para a Galiza do século XXI que deixe atrás os recortes, o paro e a precariedade para apostar pola potencialidade e capacidade de Galiza e o seu futuro. Galiza, reiterou, necesita un goberno que estea cando o necesita e non un goberno en fuga como o que tivemos estes sete anos.
A preguntas dos xornalistas sobre a situación de ENCE, a candidata recalcou que ENCE debe saír da ría de Pontevedra para poder rexenerar e recuperar a ría o que creará, dixo, emprego en sectores produtivos e outros aproveitamentos agora hipotecados por unha empresa consolidada grazas a unha lei tramposa do Partido popular e contraria ao sentir da poboación.
Medidas de apoio ao sector da conserva e marisqueiro
Sobre os asuntos tratados na reunión cos concelleiros e concelleiras do BNG de Poio Pontón destacou o incumprimento de moitas das demandas dos veciños e veciñas como a creación do parque empresarial que permita potenciar a xeración de emprego ou a mellora da seguranza viaria na PO-308 que atravesa todo o concello e que xera graves problemas de seguridade.
Por outra parte lembrou que o sector extractivo, marisqueiro e da conserva precisan de medidas de apoio e mellora das condicións de traballo. En Galiza, afirmou, somos primeira zona produtora da Unión europea e a segunda do mundo despois de Thailandia pero nestes últimos anos a crise afectou ao sector da conserva polo que deben aplicarse medidas contra a fraude da etiquetaxe, apoiar a innovación do sector e defendelo ante as institucións europeas a través da creación dun observatorio da trazabilidade para controlar que produtos importados cumpran a normativa.