A portavoz nacional, Ana Pontón, reprocha ao presidente da Xunta que responda con “prepotencia e chulería” ante unha cidadanía galega que está a dicir na rúa que ninguén lle deu un cheque en branco ao PP para gobernar en contra das maiorías sociais, en lugar de tomar nota e iniciar un diálogo cos sectores afectados.
“Pero non se equivoque señor Feixóo, esa prepotencia e ese desprezo cos que trata ás persoas que pensan diferente vai volverse en contra súa, porque non é posible desprezar a todo o mundo todo o tempo”, proclamou a dirixente do BNG na sesión de control ao xefe do Executivo, a quen criticou o veto á proposta do Bloque para subir as pensións mínimas.
“Nesta Cámara hoxe vai votar en contra de subir as pensións non contributivas a 40.000 galegos e galegas que teñen que vivir con 377 € ao mes. E despois de dicirlles que non, sae por esa porta, sube ao coche oficial e quédase tan pancho”, denunciou Pontón, ante unha mellora que só require vontade política porque implica un investimento de 40M€ dun orzamento da Xunta que supera os 9.000M, pero permitiría subir as pensións non contributivas en cen euros mensuais.
“As persoas xubiladas reclaman pensións dignas, pero o PP pola mañá di que non hai cartos, e pola tarde anuncia que vai gastar 10.000M€ máis en armamento militar. Unha auténtica burla as pensionistas galegas que xa soportan a segunda pensión máis baixa do Estado”, salientou Pontón, “pero unha vez máis prefire defender a Raxoi antes que a xente desta país e vota en contra dunha iniciativa do BNG para mellorar as pensións”, lamentou.
“Manifestación histórica en defensa da sanidade pública: vostede responde aprobando a súa contrarreforma sanitaria, os traballadores e traballadoras da Xustiza manteñen unha folga indefinida, vostede é incapaz de chegar a un acordo e colapsa un servizo básico para a cidadanía. Pero que curioso, o Goberno de Raxoi, si logra un acordo con outros funcionarios con subidas de ata 720€ ao mes, as mulleres protagonizamos un 8M masivo, pero vostede segue financiando os centros que segregan por sexo, menuda contribución á igualdade”, enumerou Pontón como exemplos da prepotencia de Feixóo ante a onda de mobilización social.
A dirixente do Bloque pediu ao presidente que deixe de “torturar” as estatísticas e que deixe de “difamar alegremente en cada sesión de control”, en referencia aos datos sobre emprego feminino aportados polo presidente da Xunta durante o debate, que contradín os publicados pola enquisa de poboación activa que Pontón aproveitou para entregarlle ao presidente do Parlamento para que lla faga chegar ao xefe do Executivo “e deixe de manipular as estatísticas”.
Para a deputada nacionalista “cando hai un clamor social significa que algo vai mal”, e os galegos e as galegas “merecen un presidente a tempo completo que teña a cabeza neste país e que antes de apertar o botón pense nas consecuencias, e decida se aperta o botón para manter unhas pensións inxustas ou se escoita, toma nota e defende unhas pensións digna”, concluíu.