BNG non está disposto a aceptar como normal que haxa lista de agarda de quince días en atención primaria, que pedir cita sexa unha odisea a través dun contestador automático ou que a consulta presencial co médico ou ca médica de cabeceira sexa substituída polo teléfono, nunha Galiza, ademais, coa poboación moi envellecida.
“Quero facerllo ao señor Feixóo unha dobre pregunta: a primeira, é en que momento se levantou un día en Montepío e decidiu que era normal que os galegos e as galegas tivesen que agardar até dúas semanas para poder recibir atención atención primaria? A segunda, en que momento decidiu que era normal que en lugar de atenderte a túa médica de xeito presencial se faga por teléfono ou, se chamas ao teu centro de saúde che responda un contestador?”, interpelaba a portavoz nacional, Ana Pontón, que elixiu o Centro de saúde de Galeras en Santiago para facer unha defensa pechada da atención primaria.
“Estamos aquí para defender a atención primaria e o dereito á saúde das persoas e para dicir basta xa de tantos recortes e de utilizar a pandemia para darlle outra volta de torca ao proceso de desmantelamento e privatización do sistema sanitario público”, alegou, xunto coas portavoces parlamentarias de sanidade, Montse Prado e Iria Carreira.
“Hoxe para calquera persoa que estea enferma acudir a súa médica de atención primaria é toda unha odisea, de tal xeito que na maioría dos casos non se pode nin obter cita presencial senón telefónica, e iso a través dun contestador automático, o que está provocando, sobre todo nas persoas maiores, un auténtica exclusión”, alertou a líder nacionalista.
Pontón tamén fixo un recoñecemento ao persoal de atención primaria, “exhausto” tras un ano de pandemia no que multiplicaron traballo e responsabilidades na primeira liña de loita contra o virus, pero cuns medios que xa eran deficitarios antes da COVID.
“Levan meses reclamando máis medios, máis recursos pero o que único que reciben é máis carga de traballo e máis responsabilidade”, subliñou, “a consecuencia é un deterioro da atención primaria pese á ser unha parte dos sistema público sanitario básico para a saúde da cidadanía”.
Para reverter esta situación, o BNG formula propostas concretas como un Plan de choque con 200 M€ para reforzar atención primaria e, ao mesmo tempo, convocar as 6.000 prazas vacantes no SERGAS. “Medidas para desconfinar a porta de entrada ao sistema público de saúde”, sintetizou, “para recuperar o contacto médica-paciente”.
A líder nacionalista insiste en que non se pode aceptar como normal que “seis de cada dez persoas que quere acudir a unha consulta non pode facelo o que resulta unha exclusión ademais dunha privatización encuberta porque as persoas con seguros ou que poden economicamente asumir o custe optan pola alternativa privada”.
“O obxectivo é 100% presencialidade na atención primaria e agora que o persoal está vacinado non ten sentido que non se poda facer”, alegou Pontón, “a non ser que o obxectivo sexa outro”.
Tras un ano de pandemia, -denuncia a portavoz do Bloque-, lonxe de darlle os e as profesionais mellores condicións laborais, reforzo dos medios materiais e humanos, “o que vemos é un colapso da atención primaria consecuencia de doce anos de política de recortes do PP, de tal xeito que aínda hoxe e tras a COVID a porta de entrada ao sistema público de saúde conta con 45 M€ menos que en 2009. Tería que ser xusto o contrario: reforzo do sistema, empezando pola atención primaria”, concluíu.