A portavoz nacional, Ana Pontón, recriminou ao presidente da Xunta o seu empeño en continuar cunha política de recortes na sanidade que pon en risco a saúde das persoas, mesmo provocando consecuencias dramáticas como o tráxico incidente no PAC da Estrada e o recente falecemento dun doente en Dozón tras esperar 45 minutos por unha ambulancia.
“Que máis ten que pasar para que rectifique a súa política sanitaria? En dous anos morreron dúas persoas agardando por un servizo de urxencias”, interpelou.
“E non falamos de números senón de persoas con nomes e apelidos: José Manuel Brey e Jesús Pérez García, -cuxa familia estaba seguindo o debate no pleno-, e non nos veña con que vai abrir unha investigación como fixo fai e da que ninguén sabe nada, é un expediente X e o retrato dun presidente que despreza ás vítimas dos seus recortes”, denunciou.
“Que máis ten que pasar para que rectifique a súa política sanitaria? Que máis ten pasar para que deixe de lado os recortes que matan?”, interpelou Pontón na sesión de control ao presidente, a quen lle pediu que asuma a súa responsabilidade e deixe de tapar a súa “desfeita sanitaria” baixo manipulación e propaganda.
“Como volve facer cos orzamentos, un exercicio de ilusionismo, porque presume de aumentar 120 M€ en sanidade, pero oculta que 60 son para a suba dos salarios, e oculta que a atención primaria ten hoxe 142 M € menos que cando chegou á Xunta. Presume de crear 407 prazas, pero oculta que xa existen, só que están ocupadas con contratos eventuais, é oculta tamén que hai 5.000 vacantes no Sergas”, argumentou.
Pontón salientou que Feixóo só demostra eficacia cando se trata de favorecer o negocio privado como en POVISA: “non lle preocupa que a sanidade de 135.000 galeg@s acabe en mans de Ribera Salud, empresa salpicada por episodios de corrupción e que naceu na vaga privatizadora do PP de Valencia”. De feito, criticou, “ten 30M€ para gastar na reforma de San Caetano e non tivo 24 para facerse con este hospital que atende a unha parte moi importante da poboación de Vigo e do Morrazo”.
A líder nacionalista puxo sobre a mesa unha batería de propostas para mellorar a situación da sanidade pública. Incrementar como mínimo en 142 M€ o orzamento de atención primaria nos orzamentos de 2020, -igualando a contía de recursos dispoñibles cando chegou a Montepío-, convocar as 5.000 prazas vacantes no Sergas e rescatar POVISA para o sector público.
Pontón tamén fixo unha petición expresa, instando a Feixóo a ter “un mínimo de sensibilidade e humanidade” para atender a vella demanda social e dos profesionais da comarca do Deza-Tabeirós para dispoñer dunha ambulancia medicalizada, unha petición desde fai unha década que, sen embargo, foi ignorada no último concurso da Xunta para contratar este tipo de equipamento.
Pese a iso, o xefe do Executivo indicou no turno de réplica que había unha contratación desa ambulancia con soporte vital desde setembro.
Protesta ante Santalices
Finalizada a sesión de control, Pontón pediu a palabra para reclamar a retirada dunhas declaracións do presidente da Xunta nas que, textualmente, proclamaba que o BNG teríase alegrado se tivesen fallado os servizos de urxencia durante a traxedia de Angrois. “Queremos que se retire semellante disparate porque en política non todo vale e estas declaracións demostran a súa mala conciencia, señor Feixóo”. Petición que non foi atendida polo presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices.