Ana Pontón expresa o seu apoio á deportista Paula Dapena: “o futuro escríbese con xestos rebeldes e valentes como os dela”

Ana Pontón e Laura Dapena
Ana Pontón e Laura Dapena
Pide que se investiguen as ameazas recibidas nas redes sociais por expresar a súa defensa a favor da dignidade das mulleres

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coa deportista Paula Dapena, a quen trasladou todo o seu apoio e solidariedade tras ter soportado unha avalancha de ameazas polo simple feito de defender a dignidade das mulleres e por negarse a secundar un minuto de silencio en lembranza do xogador de fútbol Diego Armando Maradona.

“Ninguén debería vivir esa situación e aínda menos por defender a dignidade das mulleres, e que iso lle custe mesmo ameazas de morte é intolerable. Como muller e como portavoz nacional do BNG quería trasladarlle o noso apoio pola súa valentía e coraxe”, salientou.

A líder do Bloque pediu que se investiguen esas ameazadas, “que non se deben permitir tampouco a través das redes sociais”, recalcou, tras agradecer a coraxe da deportista “porque o futuro deste país pode escribirse en feminista grazas a rebeldía e a valentía de xestos como os que Paula acaba de protagonizar”.

Pola súa parte, a deportista confía en que o seu xesto serva para dar ánimo a moitas mulleres, ás que pediu “non ter medo a actuar, porque é a única maneira de facer cambiar as cousas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG