Ana Pontón exixe á Xunta o remate da autovía AG-55 e o rescate da autoestrada Carballo-A Coruña cuxos peaxes lastran a comarca

Encontro Corcubión
Encontro Corcubión

Reprocha a Rueda que se negue a eliminar as peaxes que arruínan a Costa da Morte mentres si rescata autoestradas ruinosas para as concesionarias

Reclama ao Executivo do PP que acabe coa discriminación á comarca, non só nas infraestruturas senón tamén no transporte e nos servizos públicos

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou á Xunta desde Corcubión que remate dunha vez por todas a autovía AG-55 e rescate a autoestrada Carballo-A Coruña para acabar coa “discriminación” que o Goberno do PP impón á veciñanza da Costa da Morte e que non só cingue ás infraestruturas, senón que tamén estende ao ámbito do transporte público e dos servizos sociais.

Así o indicou logo da reunión que mantivo xunto ao deputado Oscar Insua en Corcubión co alcalde da localidade, Francisco Xabier Domínguez, e cargos municipais do BNG nos concellos da Costa da Morte para abordar a situación de parálise da autovía AG-55 e outras necesidades da comarca.

“Levamos 20 anos escoitando falar da autovía da Costa da Morte e o certo é que esta autovía segue sen ser unha realidade plena”, explico Pontón, quen cualificou o retraso da infraestrutura como unha “tomadura de pelo do Goberno do Partido Popular aos veciños e veciñas” dunha comarca que “sempre ten que agardar por investimentos” mentres ve “como se invisten recursos noutras partes do territorio galego”.

A portavoz nacional trasladou así o apoio do BNG á “andaina da dignidade” convocada na comarca en defensa do remate da AG-55, unha vía que considerou “”todo un símbolo do abandono do PP” pese a ser “un elemento central” para “a vertebración do territorio e mellorar a mobilidade” co obxectivo de xerar máis “oportunidades económicas e un futuro mellor” para a comarca.

Pontón tamén reclamou á Xunta o rescate e eliminación das peaxes da autopista Carballo-A Coruña, que non está entre as autopistas de titularidade autonómica que o titular do Executivo, Alfonso Rueda, anunciou que ía rescatar con case 300 millóns de euros.  

“Realmente o que está facendo o Partido Popular é rescatar as concesionarias pero, sen embargo, non quere rescatar á veciñanza que está pagando unhas peaxes que son un auténtico abuso”, criticou para incidir a continuación en como o PP “penaliza a unha comarca que xa ten graves problemas económicos precisamente pola falta de investimentos”.

Neste sentido, avanzou que o BNG vai seguir reclamando a eliminación dunha vez por todas das peaxes e a finalización da AG-55 “porque é unha cuestión de dignidade”, recalcou, “de trato igualitario”.

“Os veciños e veciñas da Costa da Morte viven no ano 2024 e pagan impostos no ano 2024 pero, sen embargo, teñen servizos do século pasado”, afondou Pontón, quen estendeu a discriminación do Goberno do PP coa comarca, non só nas infraestruturas, senón tamén nos recortes dos servizos públicos ou no desmantelamento do transporte público.

“Vémolo nos recortes nos servizos de pediatría e vémolo tamén en como se está desmantelando o transporte público que nin tan sequera garante que os veciños e as veciñas poidan ir ao hospital nun autobús, cando ademais sabemos que hai unha poboación moi envellecida”, denunciou.

A líder nacionalista puxo o acento na urxencia de rematar co abandono da comarca por parte do Executivo de Rueda con “orzamentos e compromisos concretos” que sexan cumpridos xa que, advertiu, “ano tras ano se consignan partidas orzamentarias que logo non pasan do papel”.     

Por iso e, en primeiro termo, emprazou ao Goberno do PP a finalizar dunha vez por todas a autovía da Costa da Morte comprometida dende hai 20 anos e a eliminar as peaxes da autopista Carballo-A Coruña e, en segundo lugar, a adquirir un compromiso real co conxunto de servizos públicos e co desenvolvemento dunha comarca que, recalcou, “ten unha enorme riqueza e un enorme potencial”, pero que sofre “a falta de apoio por parte do Goberno”.

“Dende o BNG imos seguir defendendo a dignidade da Costa da Morte porque confiamos neste País e nesta comarca na que quen realmente está facendo de lastre é un goberno do Partido Popular que está discriminando aos seus veciños e veciñas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG