A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto de proclamación de Evencio Ferrero como candidato á Alcaldía de Carballo para declarar que renovar o liderado do actual rexedor “é a garantía para que Carballo siga avanzando e non se paren os grandes logros conseguidos por Evencio e toda a súa equipa”.
“Esta vila ten un alcalde que abriu o concello á veciñanza e deixou atrás o caciquismo e o favoritismo, que pensa que non se pode estragar nin un só euro público, que puxo ás persoas no centro, logrando que os nenos e as nenas poden ir andando ao cole, un alcalde que encheu de alegría e vida os muros onde había tristeza”, definiu Pontón, quen seguiu enumerando os logros dun Goberno municipal do BNG que sacou Carballo da decadencia para convertelo nun referente económico, cultural e de renovación urbana.
“Carballo ten un alcalde que apoia o comercio local, que fixo da creación de emprego un motor de desenvolvemento económico, un alcalde feminista que está ao lado das mulleres, orgulloso do propio, que pensa que as linguas non dividen, ao contrario, o galego é o que máis nos une. Un alcalde que mellorou a vida da xente e lles devolveu aos veciños e veciñas o orgullo de ser de Carballo”, sintetizou.
Por todo isto, Ferrero e a equipa que lidera “fixo progresar e avanzar a Carballo, e as próximas eleccións son unha oportunidade para seguir avanzando e mellorando a vida da veciñanza”, subliñou Pontón, quen aproveitou o acto para afear a falta de compromiso de Feixóo que se traduce en incumprimentos e discriminacións coa vila.
“O presidente da Xunta estivo en Carballo para botar sapos e serpes contra o BNG e permitídeme que lle responda”, ironizou. “Votar BNG é votar para que Carballo siga avanzando e serve para defender os intereses de Galiza en Madrid e en Europa. Por contra, Feixóo leva dez anos pasando olimpicamente de Carballo e ten a desvergoña de vir aquí a difamar e a mentir”.
Segundo a líder do Bloque, Feixóo debe explicar os seus incumprimentos, “porque onte mesmo no Parlamento o PP votou en contra da ampliación do polígono de Bértoa e mantén a peaxe na AG-55. A diferencia é que Ferrero e o BNG traballan arreo para que Carballo avance e o PP pon paus nas rodas dese avance”, recalcou. “Aquí, igual que noutros concellos do país, demostramos que temos un proxecto que funciona e mellora a vida das persoas”, concluíu.
Falsas expectativas
Ferrero fixo balance dos avances nos seus mandatos da man dunha equipa de goberno “que é a mellor e que fai moi doado o traballo”. Tirando de ironía, o rexedor instou ao PP a non cuestionar o seu compromiso con Carballo. “Chegan a afirmar que estou de paso en política, precisamente eu, de paso? Pois nada máis que engadir aparte de avisarlles que os meus pasos son lentos e que non se fagan falsas expectativas”.
“Non hai recompensa maior que representar a todo un pobo e Carballo ten hoxe unha excelente representación no Goberno municipal”, declarou volvendo poñer en valor o traballo en equipo e confirmando o seu compromiso co concello. “É preciso seguir alimentando o orgullo de pertencer a este pobo que tanto queremos, que tanto nos dá e ao que tanto nos queda por darlle”, proclamou.
O alcalde nacionalista lamentou “a arbitrariedade” da Xunta que ignora as necesidades da vila en materia de ampliación de solo empresarial, da circunvalación, no abastecemento de augas ás parroquias, na mellora da travesía de Bértoa ou na posta en marcha dun plan contra as inundacións. O PP de Feixóo “non investiu un euro na ampliación da rede de saneamento, nin no ciclo integral da auga, nin na escola infantil, nin mantiveron as consignacións orzamentarias previstas”, denunciou.
Outro Carballo era posible
O Bloque “demostrou que outro Carballo era posible”, indicou o rexedor, “e agrádanos ver como cada vez máis moita xente se achega a nós para ver como nos imos convertendo nunha pequena cidade na que cada vez somos máis as persoas que queremos vivir”.
Para seguir nesa senda, Ferrero confía volver contar co apoio maioritario da veciñanza. “Carballo somos todos e todas, é prioritario seguir dotándonos de boas infraestruturas e modernos servizos nas parroquias, seguir dinamizando e humanizando a vila como centro de referencia comercial, de ocio, de servizos, cultural deportivo e formativo de toda a Costa da Morte. Con ese obxectivo renovo o meu compromiso con Carballo”, concluíu.