O BNG encara as eleccións do 26M con “optimismo e decisión” sabendo que ten motivos para “ir a por todas” nos comicios municipais e europeos: Está en claro ascenso, -como constatou o 28A-, e conta co aval do traballo feito nos concellos nacionalistas, -convertidos en referentes de bo goberno-, e co traballo feito na Eurocámara da man da candidata e actual eurodeputada, Ana Miranda, quen foi capaz de converter o escano do Bloque no escano de Galiza.
“Co aval do traballo feito e cun BNG en remontada, estou convencida de que imos conseguir un gran resultado o 26M que nos permitirá seguir defendendo os intereses dos e das galegas en condicións melloradas e reforzadas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención no Consello Nacional, “con optimismo, decisión e coa certeza de que o avance deste proxecto é imparable”.
Neste escenario, a líder nacionalista fixo un chamamento á militancia e simpatizantes aos que pediu “inconformismo” e un novo esforzo para “dar un paso adiante” na cita coas urnas: “é o que precisa Galiza é a maioría social do país”. De feito, coa mirada a medio prazo, Pontón avanzou que os resultados do 26M serán a antesala para un BNG “que quere ser determinante na fin do decenio negro de Feixóo e do PP” nas eleccións galegas de 2020.
“Imos a por todas, e temos que facelo con humildade e coas portas abertas ás persoas que van seguir sumándose a este proxecto solvente, unido e coa man tendida e con amplitude de onda, sen poñernos límites porque estamos en tempos de avanzar e sumar para ensanchar a base social do nacionalismo reilusionando os galegos e as galegas”, salientou Pontón.
En relación ao aval do traballo feito, a líder do Bloque fixo referencia aos gobernos BNG, sinónimo de transformación en positivo, capaces de mellorar a vida de veciñanza e converterse en referentes de xestión, dinamismo económico e socio-cultural, sobresalientes en renovación urbana e ambiental.
No ámbito europeo, glosou o labor de Ana Miranda e os resultados acadados: Desde a defensa da pesca artesanal con exemplos de éxito como a frota do xeito, o contundente informe da UE a favor das vítimas do Alvia posible pola mediación do BNG, a reivindicación da rexeneración integral das rías e contra a minería contaminante, a resolución na Eurocámara para acabar cos privilexios do franquismo coa solicitude de ilegalizar a Fundación Franco e a devolución dos patrimonio roubado como xesto de dignidade colectiva.
“Volverá ser o escano do pobo galego para defender Galiza en Bruxelas e para dicir alto e claro que esta UE non nos vale, porque temos vocación europeísta pero queremos outra Europa, a dos pobos e das nacións, democrática e solidaria”, recalcou.
Pontón puxo en valor a implantación territorial do BNG, como demostra ter presentado candidatura no 80% dos concellos de tal xeito que o 95% dos e das galegas van poder elixir unha papeleta do Bloque o 26M.
“Son máis de 4.000 as mulleres e homes que se suman as nosas candidaturas, a metade sen afiliación, indicador claro da recuperación social e electoral e do compromiso de miles de persoas cun proxecto propio e sen dependencias do ámbito estatal”, explicou a portavoz nacional, “por iso imos ir a por todas seguras dun avance no cualitativo e no cuantitativo, sumando concelleiros e concelleiras e máis alcaldías e gobernos BNG”, explicou.
Debate territorial
A dirixente do Bloque pechou a intervención lanzando unha mensaxe a todas as persoas “preocupadas” por ver Galiza sen voz na política estatal. “Comprendo e comparto ese sentimento, pero estaremos alerta e non imos calar ante ningunha nova discriminación con este país. Seguiremos defendendo un futuro para ALCOA, a fin da estafa das peaxes, unha tarifa eléctrica galega ou un ferrocarril do século XXI”, indicou.
E, desde logo, vixiantes do debate territorial “porque temos que estar aí para defender e facer valer os intereses de Galiza como nación”, concluíu.