A portavoz nacional, Ana Pontón, emprazou hoxe ao presidente da Xunta a solicitar a convocatoria do debate de política xeral para que o Parlamento aborde en profundidade a situación de crise que vive Galiza, e a Cámara formule propostas para dar solucións ao impacto que o descontrol de prezos ten sobre as familias, a clase traballadora, as persoas autónomas e as pequenas medianas empresas.
Nunha visita a adega Pazo Baión, Pontón pide a Rueda un debate de política xeral en lugar de agocharse tras un debate “trucado” no que non ten límite de tempo mentres os grupos da oposición só dispoñen de 15 minutos e sen posibilidade de presentar propostas para dar solucións aos problemas máis urxentes do País.
“É necesario un debate de política xeral no Parlamento no que os grupos podamos debater en profundidade sobre o que está pasando nesta crise e coa posibilidade de formular propostas e alternativas para dar solucións aos galegos e as galegas”, reclamou Pontón, quen deixou claro que isto non é posible “simplemente cunha comparecencia do presidente da Xunta que é un debate trucado, porque mentres Rueda dispón de tempo ilimitado para falar do que queira, a líder da oposición so vai ter 15 minutos para poder abordar os graves problemas que ten Galiza e sen opción a presentar propostas”.
Por iso, explicou a portavoz nacional do BNG, “reclamamos que se celebre ese debate de política xeral onde podamos formular propostas e alternativas para darlle solucións a unha cidadanía que está vivindo momentos moi difíciles, cunha crise de prezos que non só afoga ás familias senón que estamos ante unha crise que tamén afoga aos sectores produtivos”.