Ana Pontón: “Empezou a conta atrás do cambio galego e darlle a Galiza unha presidenta coas mans libres para defender Galiza”

Ana Pontón
Ana Pontón

A 1ª decisión como presidenta: retirar a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta e un plan de choque de 200 M€ para atención primaria

O BNG é a alternativa das persoas que se indignan cos recortes na sanidade, da mocidade farta de emigrar, das mulleres que queren igualdade e das persoas maiores que reclaman o dereito a unha vellez digna

O cambio galego é imparable cun BNG que representa o futuro fronte ao PP que xa representa o pasado

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que tras o discurso do candidato do PP quedou máis claro que nunca que empezou a conta atrás para o cambio galego, na que o PP representa o pasado e o BNG representa o futuro.

“Empezou a conta atrás para un cambio de goberno na Xunta que desde o BNG aspiramos a liderar, con humildade pero con confianza e ambición, empezou a conta atrás para un cambio galego e que, por primeira vez, Galiza teña unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, proclamou Pontón finalizada a primeira parte do pleno parlamentario de investidura.

Fronte a Galiza “máis pequena” que deixa o PP, o BNG quere construír unha Galiza “en grande”, un País mellor para todos e todas.

E para iso, argumentou, “o BNG somos a alternativa para todas as persoas que se indignan e que sofren os recortes na sanidade pública, que se lles rompe algo por dentro cando ven listas de espera de até 15 días para ser atendido nun centro de saúde; somos a alternativa das persoas que consideran inconcibible que cun nivel de envellecemento tan grande, en 13 anos non se construíra nin unha soa residencia pública”.

“Somos a alternativa, continuou,  para a mocidade que está farta de que só lle ofrezan precariedade ou emigración; para as mulleres cansas de ver como a maternidade as discrimina, a conciliación unha carreira de obstáculos e soporta a fenda salarial”. Na súa intervención, Pontón destacou que o BNG é a alternativa a un PP, que xa representa o pasado. “Fronte á resignación do PP, ofrecemos ilusión; fronte ó derrotismo, confianza”.

A líder nacionalista destacou o  discurso do candidato popular, Alfonso Rueda, só había “triunfalismo e propaganda”, un discurso que nin sequera levantou entusiasmo entre a bancada popular e, sobre todo, foi un discurso “totalmente desapegado das preocupacións reais da xente”.

“Ante á falta de proxecto e de alternativas do PP, presentarei neste debate de investidura as propostas que un goberno do BNG aplicaría para afrontar a crise de prezos, como cuestión de urxencia, e as medidas dun goberno do BNG para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

“Falar da crise de prezos é falar de tocar os privilexios do lobby enerxético, e como presidenta sacaría a cadeira que teñen as eléctricas do Consello da Xunta e defendería subirlles os impostos para sufragar unha crise coa que se están forrando, así como  unha tarifa eléctrica galega”, destacou.

Fronte ao candidato do PP que representa máis recortes e privatizacións, “presidiría un goberno a favor da sanidade pública e unha das primeiras medidas que tomaría sería un Plan de mellorar da atención primaria dotado de 200 M€”, subliñou a líder nacionalista. Fronte a un candidato do PP que non ten nada que ofrecerlle á mocidade, “salvo lugares comúns”, “unha presidenta do BNG poría en marcha unha política que permitira crear emprego de calidade, políticas de vivenda e para reter o talento investigador”.

Fronte a un candidato do PP, de ganchete cos que negan a violencia machista, un goberno cunha presidenta do BNG loitará pola igualdade das mulleres;  e apostará pola ciencia, destinando o 2,5% do PIB a ese fin.

Son as propostas para construír unha Galiza con futuro, “da man dun goberno liderado polo BNG e cunha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, desde o autogoberno, desde a confianza nas nosas propias forzas”. E como o cambio galego é imparable, o PP decidiu non convocar eleccións consciente de que as perdería.

En todo caso, de cara a cita coas urnas, Pontón expresou o seu convencemento de que “os galegos e as galegas abrirán un tempo novo que deixe atrás a política en branco e negro do PP e abra as portas á ilusión, á esperanza e á Galiza en cor que representamos desde o BNG”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG