A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata por Narón, Olaia Ledo, mantiveron un encontro con representantes de diversas asociacións do tecido asociativo do concello, cuxo papel a líder do Bloque puxo en valor e coas que o BNG aposta por tecer “colaboración e complicidades”.
A nacionalista destacou o compromiso do BNG a favor de políticas municipais de inclusión social, a través de actuacións nas que se traballe por lograr que todas as persoas teñan unha vida digna con independencia das súas condicións económicas, físicas ou de calquera outra índole. “Os servizos sociais deben ser entendidos como un dereito universal, unha cuestión directamente relacionada con ter unha vida digna”, recalcou.
Pontón destacou ante as entidades sociais que, pese a que o papel que desempeñan este sector terciario é clave, a Administración pública debe aspirar a dar cobertura ao 100% da poboación nos respectivos ámbitos competenciais.
Ademais da política social que o BNG propón desde o seu modelo municipal, reclamou un modelo e financiamento xusto dos concellos galegos “pois co actual sistema cada municipio deste país recibe 50 euros menos por habitante que a media do Estado, o que orixina un déficit de financiamento que afecta á prestación de servizos”. Igualmente, a insuficiencia orzamentaria da dependencia está lastrando a prestación dunha cobertura prevista por lei, pero que, na práctica, non chega ás persoas por falta de recursos.
“O déficit de financiamento é unha cuestión clave para que os concellos podan facer unha prestación dos servizos sociais acorde ás necesidades da veciñanza”, indicou.
Pola súa parte, tras o encontro con asociacións sanitarias da comarca de Ferrolterra, a candidata do BNG á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo, destacou a importancia de reforzar a liña de colaboración iniciada polo o BNG desde o concello de Narón cos diferentes movementos asociativos. Na xuntanza tamén ser abordaron outros aspectos relativos á promoción social, como a posta en marcha da Nova Rede Solaina para tentar cubrir espazos inclusivos “para todos e todas”.
A candidata trasladou aos e ás representantes das diferentes asociacións sociais e sanitarias algunhas das medidas que o BNG priorizará dende a política municipal, como a creación da Residencia pública para maiores, nun concello de 40.000 habitantes, e dar continuidade e mellorar as “claúsulas sociais” destinadas a desenvolver a inserción laboral e o traballo en rede.