A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, salientou no mitin de Vilagarcía que o BNG é hoxe unha forza á alza que sae a por todas para liderar o cambio real e que Galiza teña, por primeira vez na historia, unha muller e nacionalista coas mans libres para defender os intereses da comarca do Salnés e do conxunto do país, sen ter que pedir permiso a Madrid.
Pontón animou a todas as persoas que queren cambio real, a sumar na papeleta do BNG para deixar atrás a “desfeita” de Feixóo, dez anos marcados polos recortes nos servizos públicos, “como ben sabedes aquí na comarca do Salnés onde foi necesaria unha gran mobilización social para conseguir algo tan básico como una ambulancia medicalizada e aínda falta dotala co persoal técnico necesario. Todo o noso apoio”.
“Un goberno liderado polo BNG vai ter como prioridade reverter todos os recortes en materia sanitaria, porque é intolerable que o 60% dos concellos carezan dun servizo de pediatría, que se intente desmantelar os hospitais comarcais ou que a atención primaria teña hoxe menos recursos que fai dez anos. A todo isto queremos darlle a volta o vindeiro 5A”, declarou Pontón.
O Goberno de Feixóo actuou como unha “apisonadora” dos servizos públicos e sociais, denunciou. A candidata nacionalista tamén se referiu á situación laboral do Salnés. “Pese a ser unha comarca rica en recursos, cunha ría produtiva única e unha potencialidade industrial e turística singular vemos como nos últimos tempos o desemprego medraba máis, en particular entre a xente moza obrigada a marchar fora”.
Para a mocidade emigrada, nun país cun grave problema de envellecemento, o BNG propón un Plan Retorna que facilite a volta da xente nova, tamén os investigadores e investigadoras.
“Queremos que este sexa un país próspero, con oportunidades e, por iso, prometemos a rexeneración integral das rías para xerar emprego, dar carpetazo ao proxecto contaminante da mina de Touro que ameazaba o futuro da produción mariña”, explicou Pontón. Entre as propostas, anunciou tamén un plan de industrialización “para rematar co ermo que deixa Feixóo en comarcas como esta que viu como progresivamente pechaba boa parte das empresas relacionadas co mar”.
O BNG, concluíu, “sae a gañar o partido para que Galiza teña un goberno sen ataduras, sen mordazas, liderado por unha muller e nacionalista que vai defender os intereses dos e das galegas sen pedir permiso nin a Génova, nin a Ferraz. Non son tempos nin de gobernos absolutistas nin de gobernos sucursalistas, é tempo de cambio real, de cambio galego e para iso a única garantía é que o BNG presida a Xunta de Galiza tras o cinco de abril”.
Mobilización do Salnés polo cambio
Pola súa parte, o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, instou á mobilización da veciñanza do Salnés para “recuperar os anos perdidos” e abrir un tempo novo na comarca da man do BNG. Bará destacou que os concellos da contorna precisan moito traballo dende o Goberno e puxo sobre a mesa un programa para reverter a situación dos empregos destruídos no mar (marisqueo, pesca de baixura…); na industria do sector da conserva -fundamentais para a zona-, que apostará por recuperar os investimentos para mellorar as infraestruturas e actuar no saneamento da ría de Arousa e do río Umia.
Bará insistiu en que o BNG ten proxecto e ten equipo para levalo adiante. A formación nacionalista, -recalcou- “representa o Equipo A!, o equipo de Ana Pontón, o equipo que vai traballar por GalizA con honestidade fronte ao PP, un partido en B con sobres en B, corrupción e malas compañías”. Aproveitou para destacar que no PP “andan nerviosos” recoñecendo que hai posibilidade dun goberno nacionalista, “o que nos motiva e dá máis ánimos para seguir mobilizando o voto”, afirmou, nun mitin que tamén contou coa participación da número dous, Montse Prado, e dos candidatos Xosé Leiros e David Marcos.