Ana Pontón defende a suba de impostos ás eléctricas para paliar os efectos dunha crise de prezos coa que se están lucrando a costa da maioría

Acto Pontevedra

Avoga por que “pague máis quen máis ten” en contraposición ao pelotazo fiscal de 34 M€ co que o goberno do PP agasalla ás grandes fortunas

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou unha saída “xusta” á crise de prezos para o que pide aos gobernos “medidas valentes” como as que o BNG defenderá na súa alternativa aos “orzamentos insolidarios” do Goberno do PP para 2023, alternativa que inclúe unha proposta fiscal que pasa por subirlle os impostos ás eléctricas e ás grandes fortunas para recadar 180 millóns de euros.

Nun contexto económico que está afogando ás familias, Pontón avogou por que “pague máis, quen máis ten” e defendeu a proposta nacionalista para que as empresas do lobby eléctrico asuman unha maior carga impositiva, “tendo en conta que se están forrando coa crise” a costa da maioría, con beneficios que cualificou de “estafa inaceptable”. 

Neste sentido, a alternativa do BNG pasa, primeiro, por que as eléctricas paguen o canón eólico en función da potencia asignada aos parques e non en función do número de muíños, un cambio que aportaría 25 millóns extra ás arcas públicas. Segundo, subir o imposto por dano ambiental provocado polos encoros das eléctricas, o que aportaría 24 millóns máis de ingresos e, terceiro, un imposto medioambiental de nova creación sobre as redes de alta tensión, que suporía un millón de euros máis de recadación.

Así o explicou na presentación en Pontevedra da campaña Contra a crise de prezos, hai alternativa, na que tamén participaron o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Poio, Marga Caldas e a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, campaña que o BNG está a desenvolver por todo o País e que concluirá o próximo 18 de decembro cunha manifestación en Santiago para reclamar precisamente medidas que posibiliten unha saída xusta e digna a esta crise.

Fronte ao pelotazo fiscal de 34 millóns de euros co que o Goberno do PP agasalla ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, a líder nacionalista tamén contrapuxo a proposta fiscal do Bloque para reducir a 300.000 euros o mínimo exento no imposto de patrimonio descontando o valor catastral da vivenda habitual, o que permitiría converter o agasallo do PP ás grandes fortunas en 60 millóns adicionais para as arcas públicas.

“Si, hai alternativas para darlle unha saída xusta a esta crise”, resumiu, para recalcar a continuación que “non se poden repetir os erros de 2009” e que esta crise, -que non responde a un aumento da demanda, senón que se sitúa nun contexto de transformacións de fondo a nivel internacional-, non pode levarse por diante a miles de familias como aconteceu na anterior.  

Pontón tamén apuntou que, en Galiza, estes fenómenos globais tamén se dan coa “concentración de riqueza en poucas mans”, a maioría alleas ao País e situadas territorialmente, sobre todo, en Madrid, que continúa absorbendo investimentos e poboación. “Polo que se albisca, preténdense reforzar aínda máis esas tendencias tan nocivas e desfavorábeis para Galiza e as súas clases populares”, indicou, para concluír que “temos que actuar contra este duro pau da inflación que se ensaña con quen menos ten e que vai aumentar as desigualdades sociais e territoriais”.   

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG