“Nun momento de grandes cambios e transformacións, Galiza precisa como nunca un goberno con proxecto e ambición de País pero a realidade é que o Goberno de Feixóo pensa en pequeno e, tras doce anos, deixa unha Galiza máis pequena en poboación, en industria, nos sectores produtivos, nos servizos públicos, máis pequena na lingua, na cultura e mais pequena en igualdade social”, denunciou Pontón.
“Hai que facer valer os intereses de Galiza e por iso ten que deixar de pensar en pequeno para pensar Galiza en grande. E con ese obxectivo, o de construír Galiza en grande, o BNG presenta un decálogo de obxectivos estratéxicos: autogoberno, financiar a recuperación, rescatar o sector industrial, infraestruturas, reforzar os servizos públicos, apoio á ciencia e á investigación, combater a emerxencia climática, avanzar nunha sociedade máis xusta e libre de violencia machista, apoio á lingua e cultura e defensa da democracia”, sintetizou.
Estas son propostas estratéxicas para “pensar Galiza en grande, porque pese ao balance dos seus doce anos de des-goberno, de des-construción e de demolición do País, no BNG somos optimistas porque este é un gran País, con potencial, con riqueza e, sobre todo, con xente honesta, talentosa e traballadora”, recalcou con orgullo, “e merécese moito máis que un presidente que actúa en pequeno e, por iso, desde o BNG queremos construír unha nova Galiza, unha Galiza en grande e nese empeño seguiremos traballando, man a man cos galegos e coas galegas”, recalcou.
Pontón recriminou a Feixóo ser “un freo” para Galiza, “o presidente do veto” a todo o que signifique a defensa do País: “veta a tarifa eléctrica galega, veto a usar os recursos do País para crear emprego e riqueza aquí, veto a un sistema de financiamento para ter a chave dos nosos cartos, veto a reforzar atención primaria, verto a un pacto pola ciencia, veto a un sistema de residencias públicas, veto a máis competencias”, salientou.
“Vostede só lle di si, a Casado, ao centralismo e aos lobbys económicos amigos do PP.
E ser o presidente dos vetos ten consecuencias: fai Galiza máis pequena”.
Neste sentido, denunciou que este é o PP máis ultra da historia, como quedou claro na convención de rearme ideolóxico. “O PP que defende unha España monolítica e monárquica, cunha Casa Real corrupta, que ten como referentes ideolóxicos a políticos condenados por corrupción, que nega a nosa lingua porque non acepta o plurilingüismo. En definitiva, un PP profundamente antigalego porque cuestiona o noso autogoberno, o noso idioma e aposta por un centralismo letal para Galiza. O PP máis ultra, máis centralista e máis antigalego que vostede abraza”, denunciou.
Entre os obxectivos estratéxicos: gañar máis peso político e máis capacidade para decidir sobre o noso, empezando por reclamar todas as competencias pendentes e activar unha ponencia no Parlamento para poñer sobre a mesa un novo status de nación. En materia económica: concerto económico, que tributen aquí as empresas que teñen actividade produtiva aquí e avanzar nunha fiscalidade verde.
En relación aos fondos Next Generatión, que non son a panacea e que nos preocupa que traian na cara b novos recortes sociais, pero que serán os únicos fondos extraordinarios. Por iso formula unha estratexia con catro puntos: bilateralidade, cunha comisión Xunta- Estado para reclamar 12.600M€ dos fondos europeos, transparencia, capilaridade, para que os fondos cheguen ao tecido produtivo, ás PEMEs e aos servizos públicos e codecisión co Parlamento.
Rescatar o sector industrial con medidas como potenciar un tecido industrial de PEMES orientadas á innovación, á creación de valor engadido e emprego de calidade en sectores estratéxicos e elevar o peso da industria até o 25% PIB en 2030. A estafa da luz demostra a importancia do sector enerxético en termos sociais e económicos, un asunto que merece un debate en profundidade e por iso propoñemos unha Mesa para un pacto galego pola enerxía que aborde como compensarnos como produtora de electricidade.
Rescatar a concesión da AP-9 aproveitando a declaración da Comisión europea e poñer fin as peaxes. Tamén reforzar os servizos públicos, revertendo todos os recortes e todas as privatizacións, plan de choque de 200 M€ en atención primaria, contratar máis persoal en todas as categorías e acadar o obxectivo de que atención primaria reciba o 25% do orzamento do Sergas nesta lexislatura.
Igualmente, un Plan de saúde mental, a gran esquecida do sistema “porque até agora só temos anuncios repetidos”, sen ter en conta que a segunda causa de falecemento na xente moza é o suicidio. E un novo modelo de residencias de xestión pública, que garanta o dereito a unha vellez digna.
Entre os obxectivos, apoio á ciencia e a investigación, cun Pacto galego pola ciencia que destine o 3% do orzamento de 2022 a I+D+i; e no medio prazo, acadar un investimento equivalente ao 2,5% do PIB. Ademais, apostar pola retención e captación de talento a través do INNOGAL, porque sen científicas non hai ciencia, e sen ciencia non hai futuro.
Estratéxico tamén enfrontar a emerxencia climática, cunha Lei galega contra o cambio climático que aborde cuestións como os incendios, a xestión de residuos, a axenda urbana, a preservación da biodiversidade, os espazos naturais ou a xestión da auga, “que para nada ten que ver co sablazo ao recibo da auga que prepara o seu Goberno”.
Igualmente, avanzar nunha sociedade xusta, igual e libre de violencia machista: “A mecha da intolerancia e do odio é moi fácil de prender, pero non é tan fácil de apagar e temos que construír unha sociedade na que ninguén se sinta discriminada, nin ameazada pola súas crenzas, sentimentos ou maneiras de amar”, salientou, “señor Feijóo pídolle que o PP se sume ao cordón sanitario contra a extrema dereita, en lugar de estar do lado dos que prenden esas mechas”.
Na loita das mulleres pola igualdade, medidas contra a fenda salarial, políticas reais de conciliación e corresponsabilidade, e destinar a loita contra a violencia machista o 1% dos orzamentos. En materia de lingua e cultura, destinar o 2% dos fondos Next Generation á cultura, devolver o galego ao ensino como lingua vehicular. “Hoxe a escola é unha máquina desgaleguizadora, son miles os pais e as nais que denuncian como os seus nenos e nenas entran pola porta da escola falando galego e saen falando castelán”, denunciou.
E como décimo obxectivo estratéxico para unha Galiza en grande a defensa da democracia, onde os poderes económicos fan e desfán, o PP usa a TVG como o seu gabinete de propaganda, con portas xiratorias e onde o Emérito fugado simboliza como poucos que non todos somos iguais ante a lei, nin a xustiza é igual para todos. “Temos que acabar con isto se queremos unha democracia plena da que podamos sentirnos orgullosos e orgullosas”, recalcou.
Pontón aproveitou o debate para facer un recoñecemento á cidadanía galega polo seu comportamento, pola súa coraxe, e pola súa xenerosidade durante a crise da COVID. “O mérito e de todos os galegos e das galegas”, concluíu.
PRIMEIRA INTERVENCIÓN DE ANA PONTÓN
RÉPLICA DE ANA PONTÓN A FEIXOO