A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou que o PP está instalado na soberbia máis absoluta que lle leva a rexeitar todas e cada unhas das 564 propostas presentadas polo BNG para mellorar os orzamentos de 2023, e ter unhas contas públicas “ao servizo da maioría social” ante unha crise de prezos en décadas.
“Pero nin con toda a soberbia do mundo poden agochar que estes son uns orzamentos insolventes, insolidarios e antisociais”, sintetizou, declarando que estamos ante unhas contas públicas “que son o retrato dun Goberno sen corazón e sen proxecto de futuro para Galiza”.
“E son tamén o retrato dun goberno instalado na rutina, sen ideas para afrontar a crise de prezos; sen estratexia para impulsar os sectores produtivos pero que manteñen o deterioro dos servizos públicos, sobre todo en sanidade, ou un modelo de residencias que fai negocio coa vellez”, denunciou.
No medio dunha crise de prezos que afoga ás familias, á clase traballadora, ás persoas autónomas e ás PEMES, “o PP equivócase enrocándose no non a todas as propostas presentadas polo BNG coa vontade de mellorar os orzamentos. De novo o Partido Popular convertido no partido do non”, reprochou.
“Non a un plan de rescate da atención primaria e para recortar as listas de espera, non a un pacto galego da ciencia e a innovación; non a un modelo de residencias público que poña ás persoas maiores no centro, non a recuperar a tarxeta básica de alimentos, non ás medidas para re-industrializar Galiza, non a unha política fiscal xusta na que paguen máis que máis ten, non a subirlle os impostos ás eléctricas que se están forrando coa crise”, enumerou a modo de exemplo.
“O seu absolutismo e a súa soberbia de nada lle valen aos galegos e ás galegas nesta crise, como non lle valen de nada uns orzamentos que están obsoletos mesmo antes de que sexan aprobados por este Parlamento, entre outras razóns porque están baseados en datos e en previsións que xa foron desmentidas polos expertos”, advertiu.
Pontón criticou que estamos ante unhas contas públicas que persisten no deterioro dos servizos públicos; que en plena crise de prezos manteñen unha política fiscal regresiva, inxusta e insolidaria; que carecen de estratexia a favor dos sectores produtivos, é que ignoran dous aspectos que son clave para o futuro porque carecen de política para afrontar o reto do cambio climático e non apostan pola ciencia e a innovación, cando deben ser a base dunha economía verde, sustentable e competitiva, capaz de xerar riqueza e emprego de calidade.
“Precisamente, as 564 emendas do BNG por valor de 1.688 millóns de euros están pensadas para mellorar as contas públicas e que sirvan realmente para o momento presente, en base a catro prioridades: axudar a quen máis o precisa nesta crise; reforzar os servizos públicos e as políticas de igualdade, apoiar o tecido económico e sentar as bases dun novo modelo produtivo baseado na ciencia”, sintetizou Pontón.
Nesa liña, o BNG propuxo un plan de rescate de atención primaria, incorporar novos servizos nos centros de saúde, como psicoloxía clínica, tendo en conta que o 30% das consultas teñen que ver coa saúde mental; e orzamento para combater as listas de espera, así como un plan urxente de atención á saúde mental e a prevención do suicidio.
Rede social
Igualmente, as propostas nacionalistas propoñen avanzar cara un modelo de residencias 100% público, reforzar educación con máis persoal docente, e axudar a quen peor o está pasando recuperando a tarxeta básica para a compra de alimentos e medicinas, aumentando as pensións non contributivas, unha renda galega de inserción laboral, compatible co salario cando non chegue para ter condicións de vida dignas, universalizar os comedores escolares e un bono familiar de loita contra a pobreza, “para atender a durísima realidade de que o 30% da poboación infantil e adolescente vive en fogares en risco de exclusión social, a cifra máis alta da última década”.
As proposta para mellorar as contas públicas tamén inclúen medidas para modernizar o noso tecido empresarial, tantos as PEMES como o sector do comercio, e na liña de sentar e sentar as bases dun novo modelo produtivo, facendo unha aposta estratéxica e ambiciosa pola ciencia e a innovación, sacando Galiza do furgón de cola do investimento en I+D+i.
Neste contexto, destacou Pontón, é máis necesaria que nunca unha empresa pública de enerxía, “que xestione a nosa riqueza eléctrica” ao servizo de Galiza, e para combater o cambio climático apostando por un monte vivo e multifuncional e recuperar superficie agraria útil.
Pontón criticou que, cos prezos polas nubes, se tomen decisións como a subida dos tipos de interese coa escusa de frear unha inflación que non está provocada por un incremento do consumo, e que supón unha nova carga para as familias hipotecadas e máis beneficios para unha banca que non devolveu os 90.000 euros do rescate.
Neste contexto, “os orzamentos deberían ser un refuxio contra a crise e por iso pídolles que rectifiquen, que no se enroquen no seu castelo de soberbia e prepotencia e que acepten algunhas das propostas que lle ofrecemos desde o BNG coa man tendida e a favor dos galegos e das galegas, que se merecen moito máis que o seu rodillo absolutista para impoñer uns orzamentos, insolventes, inxustos e antisociais”, concluíu.