- Reclama unha investigación independente do sinistro de Porriño, nunha liña do século XIX pola que circulan trens de fai trinta anos
- En Ferrol reivindica a recuperación para uso público da propiedades de Defensa e acabar cos seus privilexios fiscais e urbanísticos
A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, empezou o acto de campaña en Ferrol cunhas palabras de lembranza para ás catro vítimas do accidente de Porriño, e trasladou toda a solidariedade ás persoas que hoxe “sofren e choran esa perda terrible”, ademais de desexarlle unha pronta recuperación ás persoas feridas e recoñecer o traballo dos servizos de emerxencia.
“E un día triste, pero hai que lembrar que é fundamental que se faga unha investigación independente sobre cales foron as causas dese sinistro, que non se descarte de partida ningunha hipótese e que se adopten as medidas que sexan necesarias para garantir a vida e a seguridade das persoas que viaxan nos trens do noso país”, reclamou Pontón.
A candidata nacionalista salientou o compromiso de goberno do BNG para modernizar os servizos ferroviarios e garantir a seguridade de todos os trens que circulan por Galiza, tras indicar que a liña do sinistro é do século XIX e o tren accidentado sumaba trinta anos.
“Non se fixeron investimentos na súa modernización, nin na súa seguridade e, polo tanto, é necesario que haxa un compromiso claro de mellorar as conexións ferroviarias nunha zona estratéxica para Galiza como é o norte de Portugal, pero sobre todo é fundamental garantir que os trens que circulan polo noso país non sexan de hai trinta anos e que reúnan todas as condicións de seguridade”, demandou.
Pontón non quixo sinalar ningunha causa pero agarda, dixo, “que non se comentan os erros do pasado, que haxa unha investigación independente e que se garanta a seguridade e a modernización desa vía”.
Usos públicos
O BNG elixiu os xardíns de San Francisco como lugar simbólico para reclamar desde Ferrol o fin dos privilexios urbanísticos e fiscais do ministerio de Defensa, así como a recuperación para o público dos terreos e propiedade sen uso, como a Illa de Tambo, privilexios que nin sequera se compensan co servizo que presta na extinción de lumes, “polos que tamén pagamos en lugar de ser gratuítos”, criticou.
Por iso, Pontón defendeu a necesidade de “decidir por nós mesmos” e proclamou que o BNG desde o Goberno da Xunta reclamará a recuperación desas propiedades para o ben público, ademais de defender “a transferencia a Galiza das instalacións militares e poder facer unha reordenación do espazo público que nos permita abrir ao mar cidades como Ferrol ou Marín”.
O obxectivo é recuperar o carácter público destes bens que foron usurpados en tempos pretéritos para darlles valor cultural, social e medioambiental e prohibir manobras militares que están prexudicando ao ecosistema das rías e na seguridade, a través dunha negociación directa con Defensa.
25S, unha oportunidade
Queremos o traspaso, indicou, “das funcións de emerxencia e de investigación hidrográfica e de inspeccións pesqueiras encomendadas aos militares. Queremos que eses usos se desenvolvan desde o ámbito público”. Ademais, o Bloque aposta por prohibir en portos galegos o atraque de buques con propulsión ou con armamento nuclear e pola saída da OTAN.
De cara á cita do 25S, Pontón salientou que “é a oportunidade de deixar atrás tanto paro, tanta pobreza, tanta precariedade, desde a confianza no país, e o BNG confía que os galegos e as galegas podemos saír adiante porque somos un pobo con recursos,con capacidade e con xente traballadora, o que fallaron non foron as persoas, senón os gobernos. Queremos abrir un tempo novo para que Galiza avance e progrese”, concluíu.