Galegas 2024

Ana Pontón compromete o reforzo dos servizos sanitarios do Salnés coa posta en marcha dos centros de saúde de Vilagarcía e Meis

Acto Vilagarcía de Arousa
Acto Vilagarcía de Arousa

Avanza que un goberno BNG desenvolverá un servizo de mobilidade eficiente na comarca e rexenerará as rías para corrixir a caída da produtividade

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, proseguiu a súa campaña electoral nun mitin en Vilagarcía de Arousa, onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir.

Entre elas, destacou o reforzo dos servizos sanitarios no Salnés, logo da desfeita que deixan quince anos de goberno do PP na sanidade pública dunha comarca con máis de 100.000 habitantes, convertida “no quilómetro cero da desfeita sanitaria”, con recortes e máis recortes, tanto no ámbito hospitalario, como na Atención Primaria.

“Tedes o meu compromiso de que un goberno do BNG porá en marcha os centros de saúde de Vilagarcía e de Meis”, comprometeu ao tempo que subliñou que esta medida “é de xustiza” porque “estamos falando da saúde das persoas e con iso non valen recortes”.     

A candidata nacionalista tamén se referiu á falta dun servizo de mobilidade eficiente na comarca, polo que defendeu a mellora das comunicacións para ter un servizo acorde coas necesidades da poboación.

Un transporte, que segundo avanzou, permita a comunicación da veciñanza co resto de Galiza e dentro da comarca para que poida acudir a servizos esenciais como son o Hospital do Salnés, os xulgados de Vilagarcía ou Cambados, a Seguridade Social ou algo tan necesario como facer compras ou actividades lúdicas. “Parece de sentido común”, incidiu.   

Pontón apuntou ao Salnés como unha das comarcas con máis potencial económico de Galiza, pero na que dixo é preciso corrixir a caída da produtividade nas rías, polo que avanzou que un executivo liderado polo BNG desenvolverá un plan integral de saneamento e rexeneración das rías.

Tamén no ámbito económico, apostou por reactivar o sector mar-industria para atallar o desmantelamento do tecido económico do Salnés, cunha perda continuada de empresas e emprego, en particular nun sector clave como é o da conserva.

Durante a súa intervención en Vilagarcía, xusto no ecuador da campaña electoral, a candidata nacionalista apelou a unha mobilización masiva que permita poñer en marcha o mellor goberno de todos os tempos concentrando o voto de cambio no BNG e incidiu en que cada vez máis xente está xirando a mirada cara ao Bloque para deixar atrás os quince anos de nefasto legado que deixa o PP. “Se a maioría social que quere cambio se mobiliza e o voto inconformista se concentra no BNG, haberá cambio”, asegurou.  

“Hai momentos en que a historia pode tocarse coas mans”, afirmou, convencida de que Galiza está a piques de abrir un novo ciclo para construír un País en grande, cun goberno liderado pola primeira presidenta coas mans libres para defender os intereses de todos os galegos e as galegas. “Só hai dúas alternativas, ou seguir ancorados no pasado co PP ou mirar con ilusión cara ao futuro cunha presidenta que só se debe á xente”, engadiu.

Pontón presentouse como a candidata desa maioría social que quere cambio e un futuro mellor e á que se dirixiu para dicirlle que non importa que papeleta colleron noutras eleccións porque hai moitas formas de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para construír unha Galiza mellor e con futuro.

A toda esa cidadanía comprometeu un goberno que recupere a sanidade pública para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria; que coloque a enerxía ao servizo das familias e das empresas; que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas.

Un goberno, recalcou, capaz de pensar Galiza en grande e sen límites centralistas xa que, segundo recalcou, “a min só me van dar ordes os galegos e as galegas porque sei moi ben quen son, para que estou aquí e a quen me debo”.  

A candidata do BNG tamén aproveitou o mitin en Vilagarcía para retar de novo a Alfonso Rueda a que acepte un debate cara a cara coa líder da oposición, como fixeron nas eleccións xerais Pedro Sánchez e Núñez Feijóo. “Pasamos dunha campaña na que o PP quería ocultar as súas siglas a unha campaña na que quere ocultar ao seu candidato”, lamentou ante a negativa de Rueda a contrastar nun cara a cara as alternativas reais entre as que teñen que elixir os galegos.

A líder nacionalista advertiu que, coa súa negativa a participara en máis debates, o PP e Rueda non lle dan plantón ao BNG, senón a Galiza e aos galegos e ás galegas que, segundo recalcou, “merécense candidatos e candidatas que estean dispostos a debater”, porque os debates “non son un capricho, senón un dereito da cidadanía”. “Eu vou estar no debate de TVE e pregúntome por que o PP quere ocultar ao señor Rueda e non quere participar”, concluíu.

Un goberno que non esqueza O Salnés

Pola súa parte, Luís Bará, cabeza de lista por Pontevedra, afirmou que “estas eleccións do 18 de febreiro deben ser as que poñan na Xunta un goberno do BNG para a maioría social, que coide o territorio e o medio, e que non esqueza O Salnés”. Neste sentido, avogou por “recuperar os anos perdidos” e abrir un tempo novo na comarca cun proxecto de goberno que reverta a situación do emprego destruído no mar e na industria e que aposte por investimentos para mellorar infraestruturas e sanear a ría de Arousa e o río Umia.

Bará tamén apelou a unha alta participación o próximo 18 de febreiro e a “apostar todo” á papeleta do BNG, a única con alternativas de gobernar, convencido de que o Bloque vai camiño de romper o seu teito electoral.

Por último, a tamén candidata Montserrat Prado pediu o voto ao BNG para que o Salnés teña na Xunta “un goberno aliado, disposto a remangarse para solucionar os problemas e poñer en valor o noso enorme potencial”. “Para que a nosa ría, a máis produtiva, sexa un motor de desenvolvemento e emprego, para que nunca máis a sanidade, a vellez ou o ensino sexan negocio para as empresas amigas, e para poñer en marcha un plan de mobilidade digno para a comarca”, finalizou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG