A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou hoxe que o BNG afronta o inicio do curso político “preparado para liderar a posta en marcha do mellor goberno da historia de Galiza”. “Non chega con sacar ao PP da Xunta, nin con facer que por primeira vez Galiza teña unha presidenta, queremos construír o mellor goberno da historia dos galegos e as galegas, facer realidade un goberno que conte con todo o mundo e con todo o noso talento para poñer en marcha un ambicioso proxecto de modernización e avance do País”, asegurou.
Tras a reunión da executiva, Pontón deu conta das liñas de traballo do BNG para un curso político que, dixo, será decisivo porque “empeza a conta atrás para o cambio galego”, un cambio polo que o Bloque vai traballar dende a súa posición de liderado político, e cunha firme aposta polo diálogo para facer o mellor proxecto de futuro para todos os galegos e galegas. “A única nosa lealdade é Galiza”, insistiu.
Avanzou así un traballo intenso nos vindeiros meses para conformar unha “verdadeira axenda do cambio” e afrontar os grandes retos do País, entre os que destacou a innovación e transformación industrial, a crise climática, un modelo enerxético xusto, a axenda territorial urbana e de desenvolvemento rural, o compromiso feminista e coa diversidade, o benestar social, a modernización da Administración, un modelo fiscal máis xusto e progresivo, o avance nos dereitos democráticos e sociais ou a estratexia de Galiza no mundo.
O soño colectivo dunha Galiza máis viva e forte
O Bloque vai contar con centos de persoas expertas para a elaboración da súa alternativa de goberno, “xente do BNG e de fora do BNG coa que traballaremos co único criterio de servizo a Galiza”, explicou. “Hoxe o Bloque é a alternativa real ao PP e estamos en disposición de liderar un cambio histórico que deixe atrás a resignación e a submisión, a desfeita na sanidade, a perda de peso económico, a crise industrial, a emigración da xente nova ou o desleixo coa nosa cultura, a nosa lingua e o noso patrimonio”, engadiu.
“Un cambio de ciclo -resumiu- que permita despregar o enorme potencial que ten o noso País, para deixar atrás a Galiza en pequeno do PP e poñer en pé un gran soño colectivo, a idea dunha Galiza viva máis forte, máis xusta, con benestar e futuro”.
Feijóo, nunha operación de supervivencia
A líder do BNG referiuse tamén ás negociacións para conformar o vindeiro goberno do Estado, aludindo á “escenificación desesperada do PP, que non acaba de asumir a realidade democrática dos resultados electorais”. Estamos, manifestou, ante un “proceso de investidura falida que semella unha operación de supervivencia política dun Feijóo que está na picota e cuestionado polos mesmos que o puxeron ao fronte do PP”.
“A Feijóo non lle queda nin o verniz de moderado. Nin é moderado nin é bo xestor”, afirmou, apuntando ás políticas que ensaiou en Galiza e que agora aplica “de ganchete coa extrema dereita”. “Aquí vimos como era un adaíl dos recortes na sanidade pública, nas privatizacións, como reducía axudas na loita contra a violencia machista ou como atacaba a lingua e a cultura do País”, subliñou.
É por iso que o BNG ten “toda a vontade” de facer posible un Goberno alternativo ao da dereita e a ultradereita. Con todo, advertiu Pontón, “o noso non vai ser un agasallo a ninguén”. “A proba do algodón será que ese goberno cumpra coa sociedade galega”, agregou, reiterando que o Bloque non vai dar un cheque en branco nin un apoio gratuíto. “Con Galiza, todo para acordar e falar; sen Galiza nada”, aclarou.
O apoio do Bloque levará parello o cumprimento da Axenda Galega, “na que imos reclamar máis investimento, máis autogoberno, un novo modelo de financiamento e unha nova relación Galiza-Estado no ámbito enerxético”.
Louzán ten que dimitir
Pontón aproveitou as preguntas dos xornalistas para anunciar a rotunda condena do BNG as declaracións feitas polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. “As súas declaracións son inaceptables, non pode seguir nin un minuto máis no seu cargo, porque se o machismo é repugnante tamén é repugnante quen o branquea”, aseverou, anunciando que o BNG esixirá no Parlamento a súa renuncia como representante do fútbol galego.