A portavoz nacional, Ana Pontón, asegurou que “o BNG nunca vai permitir un sistema de financiamento que discrimine a Galiza” e avogou por aproveitar o momento actual para actuar con “ambición de País” na procura dunha reforma que atenda as particularidades de Galiza. “Se se abre a porta para que, igual que Euskadi, Cataluña teña un sistema de financiamento propio, temos que defender que Galiza non pode ser menos”, afirmou.
Pontón defendeu así o “trato singular” tamén para Galiza na reforma do sistema de financiamento pois, segundo explicou, “temos características moi específicas que fan que os criterios que se están establecendo con carácter xeral nos prexudiquen”, tal e como ten constatado o Consello de Contas nun informe “demoledor” que cifra en máis de mil millóns de euros a cantidade que perdeu o País cada ano co modelo actual de reparto.
A preguntas dos xornalistas logo dunha xornada sobre enerxía desenvolvida polo BNG no Parlamento, a portavoz nacional lembrou o apoio do PP, con Feijóo á cabeza sendo presidente da Xunta, ao actual sistema, asinado en 2009 e pendente de ser actualizado dende 2014.
Un sistema que cualificou de “inxusto” e “prexudicial” para os intereses dos galegos e das galegas porque supuxo que Galiza deixase de ingresar en torno a 14.000 millóns de euros para atender servizos como a sanidade, a educación ou a atención aos maiores, e que perdese peso na distribución dos recursos, pasando do 7,1 % ao 6,6 %, tal e como recolle o informe do órgano fiscalizador galego.
“Levamos dende 2014 cun modelo caducado e o PP non foi capaz de presentar neste Parlamento unha proposta para defender un modelo xusto para o País”, denunciou a líder do BNG, emprazando ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a “facer os deberes” para defender os intereses de Galiza. “Lamentablemente temos un presidente que está cativo da estratexia de Génova e que non é capaz de defender o País”, manifestou.
A portavoz nacional contrapuxo a “inacción” do Executivo do PP, “instalado en criticar o que outros fan pero non en defender o noso”, coas propostas feitas polo BNG, que no próximo pleno vai defender unha moción para reclamar que se reactive a comisión de estudo do modelo de financiamento e emita un ditame cunha proposta de País. Na mesma moción, o BNG emprazará á Xunta a solicitar a convocatoria da comisión bilateral co Estado para “poñer enriba da mesa a demanda dun sistema xusto para Galiza”.
Pontón subliñou que unha das conclusións que se extraen respecto ao funcionamento do actual sistema de financiamento é que “un modelo que non atenda as particularidades non ten por que ser bo para Galiza” e lembrou, neste sentido, que “Feijóo, sendo presidente da Xunta, foi un día a Cataluña a defender que tiña sentido un concerto económico para Cataluña, mais nunca foi capaz de defender que Galiza tivera un sistema de financiamento que lle permitise ter a chave dos nosos cartos”.